in

Sete persoas e entidades foron distinguidas nos IV Recoñecementos de Escena Galega das Artes Escénicas

A entrega realizouse no Pazo da Peregrina, en Ames

Recoñecementos Escena Galega 26 Miguel Lamas
Imaxe grupal dos Recoñecementos de Escena Galega das Artes Escénicas 2026. Foto de Miguel Lamas.

Teatro de Ningures,  Salvador Forján, Moisés González, Luciano Fernández, Carlos Lorenzo, o Colectivo RPM e a Sala Ártika foron as sete persoas, colectivos e entidades receptoras dos Recoñecementos de Escena Galega das Artes Escénicas, na súa cuarta edición. A Asociación Galega de Empresas de Artes Escénicas quixo distinguilas por representaren “ámbitos esenciais para a creación, a exhibición, a técnica, a xestión cultural e o desenvolvemento do sector escénico galego”.

As distincións

  • Socia de Honra: Teatro de Ningures
  • Recoñecemento á traxectoria “toda unha vida a sachar”: Salvador Forján (encargado de estruturas escénicas da Agadic e técnico residente do Salón Teatro) e Moisés González (técnico do Teatro Principal de Santiago de Compostela)
  • Recoñecemento á traxectoria “marcho, que teño que marchar”: Luciano Fernández (director técnico do Padroado da Cultura do Concello de Narón)
  • Recoñecemento “ás que resisten tecendo novas realidades”: Colectivo RPM
  • Recoñecemento “ás bravas tenaces do sur”: Sala Ártika de Vigo
  • Recoñecemento “a quen traballa arreo e sempre está, chova ou ventee”: Carlos Lorenzo (técnico de cultura do Concello de Carral)

Teatro de Ningures

A compañía canguesa fundada en 1986 Teatro de Ningures, que este ano celebra o seu 40º aniversario foi distinguida por Escena Galega como Socia de Honra,  para recoñecer “non só a súa achega artística, senón tamén o seu labor comunitario e pedagóxico, materializado en proxectos como a Escola Municipal de Artes Escénicas de Cangas, o espectáculo multitudinario A defensa da vila ou a súa implicación na Mostra Internacional de Teatro Cómico e Festivo de Cangas e nas actividades teatrais da Universidade de Vigo”, e poñer en valor que, tras corenta anos de actividade ininterrompida, “Teatro de Ningures continúa a ser un dos motores fundamentais das artes escénicas galegas”.

Salvador Forján e Moisés González

Os recoñecementos á traxectoria “toda unha vida a sachar” recaeron en Salvador Forján e Moisés González, “dúas figuras imprescindibles para comprender a historia recente da técnica escénica en Galicia”.

Salvador Forján, encargado da maquinaria escénica da Axencia Galega das Industrias Culturais e técnico residente do Salón Teatro, desenvolveu a maior parte da súa carreira profesional ligado ao Centro Dramático Galego. Incorporado ao proxecto en 1986 da man de Eduardo Alonso e Ernesto Chao, converteuse “nun dos grandes coñecedores das tripas do principal escenario público do teatro galego, facendo posible durante décadas o funcionamento técnico de centos de producións”.

Pola súa parte, Moisés González desenvolveu durante trinta e seis anos o seu traballo no Teatro Principal de Santiago de Compostela. Proxeccionista nos ciclos de cine e festivais que acolleu o espazo e técnico en montaxes teatrais e eventos culturais, “a súa profesionalidade, discreción e capacidade para resolver problemas convertérono nunha referencia para compañías e profesionais que pasaron polo histórico teatro compostelán”, segundo puxo en valor o xurado dos recoñecemento.

Con esta distinción, Escena Galega quixo “dar visibilidade a aquelas persoas que, lonxe dos focos, sosteñen co seu traballo diario a actividade escénica do país”.

Luciano Fernández

O recoñecemento á traxectoria “marcho, que teño que marchar” distinguiu a Luciano Fernández, director técnico do Padroado da Cultura do Concello de Narón e, segundo como destacaron dende Escena Galega, “responsable dun dos proxectos de exhibición teatral máis sólidos de Galicia”.

“Vencellado ao teatro desde os anos 80, Fernández contribúe decisivamente a converter Narón nun referente da programación escénica, cun modelo que combina estabilidade, coidado técnico, formación de públicos e apoio ás compañías”, recolleron. Ademais, lembraron que, ao longo da súa carreira, impulsou iniciativas como o Festival Internacional Singular ou a Mostra de Teatro Infantil e Xuvenil MOTIX, que mobiliza cada ano milleiros de escolares de toda a comarca de Ferrolterra.

Carlos Lorenzo

O recoñecemento “a quen traballa arreo e sempre está, chova ou ventee” recaeu en Carlos Lorenzo, técnico de Cultura do Concello de Carral, “pola súa longa traxectoria profesional e polo seu compromiso co fortalecemento do sector cultural galego”.

O xurado destacou que o xestor cultural, fotógrafo e creador audiovisual, “desenvolve desde 1995 unha intensa actividade arredor da programación escénica e da mediación cultural” e que, ademais do seu traballo en Carral, participa activamente en entidades como a Asociación Galega de Profesionais da Xestión Cultural ou a Academia Galega de Teatro, “impulsando iniciativas de reflexión, formación e mellora do sector”.

Escena Galega quixo así poñer en valor “a súa disposición permanente á colaboración, a súa capacidade para construír redes profesionais e a súa contribución constante ao desenvolvemento das artes escénicas galegas desde o ámbito da xestión cultural”.

Colectivo RPM

O Colectivo RPM obtivo o recoñecemento “ás que resisten tecendo novas realidades” polo seu “labor de apoio á creación contemporánea, á investigación artística e ao acompañamento das profesionais da danza e das artes vivas en Galicia”.

O xurado tivo en conta que a entidade “desenvolve un intenso traballo de mediación, cooperación institucional e acompañamento de procesos creativos a través de programas como Residencias Paraíso, unha das iniciativas de referencia para a investigación e creación escénica contemporánea en Galicia, ou Cruceiros Paraíso, que facilita intercambios e colaboracións con espazos estatais e internacionais”. Escena Galega quixo, ademais, destacar especialmente “a súa capacidade para construír redes, xerar oportunidades e conectar a práctica artística coa cidadanía”.

Sala Ártika

A Sala Ártika, con sede en Vigo, levou o recoñecemento “ás bravas tenaces do sur” polo seu papel como “un dos espazos independentes máis relevantes das artes escénicas galegas”.

Dende a comisión de valoración encargada de seleccionar as persoas e entidades recoñecidas subliñouse o seguinte a respecto do traballo da Sala Ártika:  “Desde a súa apertura en 2014, a sala mantén unha programación estable e continuada que a converte nun referente tanto para o público como para as compañías. O seu compromiso coa exhibición en lingua galega, coa creación do país e coa apertura a propostas estatais e internacionais materialízase tamén en proxectos como o Festival Internacional de Teatro de Vigo (FITAVI)”.

A comisión de valoración

A selección das persoas, colectivos e entidades recoñecidas corre a cargo dunha comisión mixta integrada por representantes da asociación e por profesionais externas de recoñecido prestixio. Na edición de 2026 formaron parte dela Eva Alonso Gómez, presidenta de Escena Galega; Diego Vázquez Meizoso, xerente da entidade, como secretario con voz e sen voto; Nieves Lema Vilariño, técnica de cultura do Concello de Vimianzo; e Laura Romero Iturralde, escenógrafa e iluminadora escénica.

A entrega

A Asociación celebrou o martes pasado a gala de entrega dos IV Recoñecementos de Escena Galega das Artes Escénicas, no Pazo da Peregrina de Ames, nunha cita concibida “como unha festa de verán para o encontro e a celebración da comunidade escénica galega” que contou con  Marta Alonso Tejada como mestra de cerimonias.

Sobre a iniciativa

Os Recoñecementos de Escena Galega das Artes Escénicas naceron en 2023 coa vontade de “ofrecer un recoñecemento sectorial afastado dos formatos competitivos tradicionais”. Fronte ao modelo dos premios convencionais, a asociación aposta por “visibilizar e poñer en valor persoas, proxectos e entidades que contribúen ao fortalecemento do ecosistema escénico galego”. Sen categorías fixas nin nomenclaturas permanentes, os recoñecementos mudan cada ano para adaptarse ás realidades e necesidades do sector, mantendo sempre a figura da Socia de Honra e os galardóns dedicados ás traxectorias profesionais.

Como parte da identidade propia destes recoñecementos, cada edición conta coa colaboración dunha creadora ou creador convidado para deseñar as pezas que reciben as persoas e entidades distinguidas. Nesta ocasión, Escena Galega confiou este labor á ceramista Olalla Lojo, impulsora de MISOCO, un proxecto que explora as posibilidades da cerámica contemporánea desde o diálogo entre tradición, deseño e funcionalidade. Inspirada no fogar, na natureza e na cultura que a rodea, Lojo desenvolve un traballo caracterizado pola experimentación coa materia, a delicadeza das formas e unha estética minimalista que busca a beleza nos obxectos de uso cotián. Seguindo a filosofía dos Recoñecementos de Escena Galega, a creadora dispuxo de total liberdade para concibir as pezas únicas que simbolizaron esta cuarta edición.

Redacción

Redacción

Redacción

Somos a erregueté | Revista Galega de Teatro.
A única publicación periódica que ten como obxecto as artes escénicas galegas dende 1983.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Imaxe da estrea do espectáculo O buscador de illas, de Teatro de Ningures

O buscador de illas