in ,

AdoroAdoro

Entrega en man

A elección Arévalo

Entrega en man. Imaxe de Diego Seixo.
Entrega en man. Imaxe de Diego Seixo.

Un dos parámetros polos que se adoita elixir un novo proxecto teatral é o do seu impacto no noso eido cultural, digamos, o seu “aporte” ou contribución ao momento presente da cultura galega. Non falamos dos seus valores artísticos, que terán máis que ver coa concepción e posterior posta en escena do material seleccionado, senón do punto de orixe. Algo que, aínda a día de hoxe, adoita ser un texto escrito previamente, unha adaptación ou unha creación a pé de palco.

De feito, é un dos puntos que se valoran á hora de acadar unha subvención dunha institución pública, digamos unha Agadic, por exemplo.

Digo isto porque es artistas, no momento de decidir acometer o enorme esforzo que supón poñer en pé un espectáculo, sempre partimos dun lugar. Moitas veces é porque temos algo que dicir e o material escollido concorda coa nosa mensaxe. Se algo aporta unhe artista ao mundo, é a súa mirada particular e diversa, diferente da des demais. Outras veces pode ser unha cuestión puramente económica, para continuar traballando e sacando adiante á empresa. Outras, por puro entretemento e o pracer na creación, o xogo

Todos estes puntos de partida son igualmente válidos e contribúen ao noso patrimonio cultural de xeito diverso, deixando maior ou menor pegada nos arquivos do seu tempo.

No caso de Entrega en man, a última peza de Contraproducións, o punto de partida é o texto A Behanding in Spokane, do dramaturgo británico, de orixe irlandesa, Martin McDonagh. Publicada en 2010, a peza do autor d’A raíña da beleza de Leenane (levada á escena en Galicia por Teatro do Atlántico no 2006) acadou cedo a fama de polémica polos seus comentarios e chistes racistas. Como afirma o crítico Hilton Als tra-la súa estrea en Broadaway, I don’t know a single self-respecting black actor who wouldn’t feel shame and fury while sitting through Martin McDonagh’s new play, ‘A Behanding in Spokane’”1 continuando a dicir que tampouco coñece a ningún que fose quen de a rexeitar, tendo en conta o seu máis que previsíbel éxito en cartel.

Hilton fala dende a súa perspectiva de home afroamericano, afectado polo comportamento e afirmacións racistas do protagonista da peza e de todas as personaxes que o acompañan. Mais a peza non fica aí, xa que as burlas non van dirixidas soamente cara aos negros, senón tamén cara aos (e cito textualmente) “subnormais” e, por suposto, os maricóns.

As mulleres non saen mellor paradas, tomadas como mero obxecto sexual e de comparsa, pero o certo é que a diana central está posta sobre estes tres tipos de homes: negros, subnormais, maricóns.

O máis doado sería pensar que este tipo de linguaxe emprégase para acadar un certo nivel de denuncia social. Non é así. Falamos de chistes malos e burlas sen outra xustificación que unha polémica baleira de contido.

Alguén mesmo podería dicir que o texto é bo dramaturxicamente falando, ou cando menos orixinal. Tampouco é o caso: a anécdota é un plaxio directo da novela de Davis Grubb e da posterior versión maxistral en cinema de The Night and the Hunter (Charles Laughton, 1955).

O rizo rízase cando as outras personaxes da peza, especialmente a Marilyn interpretada por María Roja, tentan servir de contrapunto ao crápula protagonista, denunciando as súas saídas de ton para acabar enleada na súa mesma xerga. Alguén pode pensar que isto sexa un bo recurso cómico. Non o é. É unha perversión da linguaxe que fai que caias no seu propio discurso, afirmando o que antes querías negar.

Como podemos diferenciar unha cousa da outra? Ademais de polo ton (unha persoa sabe perfectamente cando unha cousa é graciosa e cando é un insulto e se non, proba a cambiar o suxeito), a peza remata coa confirmación máis humillante:

MERVYN.- Maybe this’ll be the start of a beautiful friendship, huh?

CARMICHAEL.- No. No, it won’t.

MERVYN.- Oh. I didn’t men in a gay way…”2


Publicidade

Non vaia ser, non vaia ser… Así fica invalidado o argumento do “personaxe supremacista branco” como mera pantalla ou escusa, e queda rexistrada e certificada a fonda homofobia do texto e do autor.

O problema de todo isto é que este tipo de elocucións sentan precedente e colaboran a normalizar comportamentos que non deberían ser aceptados nunha sociedade baseada no respecto.

No meu caso, sentinme directamente insultado como home e como marica, sendo repetidamente identificado como un “home de segunda” e asistindo ao riso xeral con este tipo de burlas. A baixeza continuou co insulto racista, e acadou un punto esperpéntico cando chegaron os chistes malos sobre persoas con diversidade cognitiva. Claro que o “chiste” era sempre o mesmo para todos: fronte ao home branco e heterosexual, non somos homes abondo.

Hai quen, a día de hoxe, afirma que o humor está ameazado e que cada vez ten menos liberdade de expresión. Eu non o creo. Creo que o humor, o bo humor, deféndese por si mesmo e cada vez é máis intelixente. Pero o outro, o que non é humor senón burla e insulto, acaba caendo polo seu propio peso.

Esa foi a elección do recentemente falecido humorista Arévalo, coñecido polo seu repertorio de chistes malos cheos de caspa rancia. Por desgraza esta peza lembroume moito a aquel pobre home que non tiña outro recurso mais que rirse dos máis indefensos da sociedade para gañar cartos.

Entón volvemos á pregunta inicial: cal é a pertinencia de certo tipo de textos e de pezas para merecer ser levadas á escena? Cal é o punto en común que temos es artistas co material que presentamos, para decidir camiñar con el un treito das nosas vidas? Quérennos dicir que todes, no fondo, pensamos o mesmo pero non nos atrevemos a dicilo en voz alta?

Hai quen chama a este tipo de teatro In your face, ou o que agora poderiamos chamar “zasca”. Mais isto de zasca non ten nada: é chiste chafulleiro e pasado de moda. Se cadra podería ter o seu sentido nos anos 90, entre Trainspotting e Reservoir Dogs. Pero é que hai quen non ten superado aínda a Tarantino. Señoras, señores e señoros, estamos en 2024. Século XXI, decatáronse? O insulto polo insulto nin sequera é polémico xa. E por certo, de hostias na cara estamos xa fartes.

Creo que se non temos conciencia abondo para entender que certos tipos de mensaxes xa non caben na nosa sociedade estamos a perder como seres humanos. Creo que temos unha responsabilidade co material que levamos a escena. E creo que basta xa.

 

1Als, H. Underhanded. The New Yorker, 7 de marzo de 2010.

2McDonah, M. A Behanding in Spokane. Dramatists Play Service Inc. 2010.

 

Entrega en man, Contraproducións S.L.

Autor: Martin McDonagh

Versión e Dirección: Cándido Pazó

Elenco: Evaristo Calvo, Santi Romai, María Roja, Diogo Sales

Música: Guillerme Fernández

Espazo sonoro: Guillerme Fernández

Escenografía e Atrezzo: Pablo Giraldez

Iluminación: Alfonso Castro

Vestiario: Martina Cambeiro

Unha coprodución entre Contraproducións e a Mostra de Teatro Cómico e Festivo de Cangas, subvencionado pola AGADIC e a Xunta de Galicia.

Vigocultura. Auditorio do Concello, Vigo. 24 de febreiro de 2024.

Avatar

Iván Fernández

Actor, director, dramaturgo e profesor de teatro. Graduado en Arte Dramática pola ESAD de Galicia, na especialidade de Dirección de Escena. O meu eido profesional abrengue o teatro en moi diversos aspectos, dende a docencia con menores e adultos ao campo terapéutico, atopando o teatro como un lugar onde mellor coñecerse a unhe mesme. Dende este aspecto, creo os obradoiros de Teatro Emocional en 2013 ou comezo a colaborar con impresións e crónicas sobre espectáculos na Erregueté, O Galiñeiro, Praza Pública ou a TVG, no programa "Zig Zag Diario".

Deixa unha resposta

Avatar

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Foto arquivo familiar: Irene Moreira e seu pai.

20 Irreverencias, vai camiño de ser un hábito

EMNA colectivo glovo

Colectivo Glovo convoca as residencias Atopémonos bailando 2024