in

O marabilloso e o terríbel

'O dragón de Ouro' de Roland Schimmelpfennig. Sarabela Teatro. Foto: Rubén Vilanova.
'O dragón de Ouro' de Roland Schimmelpfennig. Sarabela Teatro. Foto: Rubén Vilanova.

Sempre sospeitei que os responsables da explotación humana, os responsables das guerras, son xente cunha deriva psicópata e sen humor. Sempre pensei que o humor nos humaniza. O humor e a diversión son tan necesarios! Non o rirnos dos males alleos, non o burlarnos dos demais, non os chistes vexatorios. Porque non sempre rir é algo edificante. O riso edificante é aquel que se basea na empatía, no colocarse no lugar da outra, do outro. A capacidade, tamén, para relativizar o drama e para impugnar o fado tráxico, cando esa relativización, precisamente, vén da capacidade para observar o absurdo e albiscar unha saída posible a conflitos, problemas e desgrazas. O humor é a primavera, é fecundidade, é deixar que abrolle a vida en todo o seu esplendor, incluso entre as fendas do asfalto.

As táboas non son asfalto nin cemento duro. As táboas son primavera que pode abrollar incluso entre as estampas e as escenas máis terribles. As táboas son, ademais, o lugar, por excelencia, da fantasía e o humor vivos, actuantes.

Sarabela Teatro estreou en galego un dos dramaturgos máis prolíficos e prestixiosos da dramaturxia alemá actual: Roland Schimmelpfennig, traducido e representado en máis de corenta países. Trátase dun deses autores cuxas pezas non só se caracterizan pola complexidade e a actualidade dos temas, estruturas e concepción dos personaxes ou das voces que actúan nelas, senón por imaxinar un teatro no que o propio teatro se deconstrúe como un xogo calidoscópico. Nese calidoscopio as escenas aparecen como refachos ou fulgores, breves e implacables, aferradas a situacións impactantes recoñecibles da realidade e, ao mesmo tempo, con fendas ou derivas de fantasía, como a mesma vida.

O marabilloso e o terríbel poden ser un dragón, representación áurea da creatividade coa que o ser humano se pode transcender a si mesmo. Igual que se pode transcender dacabalo do humor.

Sarabela Teatro, con dramaturxia e dirección de Ánxeles Cuña Bóveda, estreou o 23 de febreiro, no Teatro Principal de Ourense, O DRAGÓN DE OURO, unha especie de parábola, que pivota arredor da historia dunha moa furada, que se converte no catalizador de situacións terribles e fantásticas, nas que a crueldade e o desvalemento humanos se amosan como algo que non só nos asombra, senón que tamén nos pode divertir. Aí o humor é fundamental para que a partida non estea perdida de antemán e porque neste xogo, aínda que sexa teatro, xogámonos algo.

Schimmelpfennig, na conversa co público, despois da estrea en Ourense, comentaba que xa sabemos que o mundo vai mal, que xa sabemos das catástrofes e dos múltiples problemas que nos atenazan. Por tanto, non é necesario ir ao teatro para que chos volvan amosar ou sinalar. Falou da capacidade, nunha xuntanza, para facer xurdir o marabilloso. E iso foi o que aconteceu n’O dragón de ouro. E se iso pode pasar significa que non todo está perdido e que, sen dúbida, hai esperanza. Aínda que poida parecer que nada muda, algo anda a mudar pouco a pouco, de xeito case imperceptible.

Afonso Becerra
Latest posts by Afonso Becerra (see all)

Afonso Becerra

Afonso Becerra

Director da erregueté | Revista Galega de Teatro. Pertence ao seu Consello de Redacción desde o 2006. Doutor en Artes Escénicas pola Universitat Autònoma de Barcelona. Titulado Superior en Dirección escénica e dramaturxia polo Institut del Teatre de Barcelona. Titulado en Interpretación polo ITAE de Asturies. Dramaturgo e director de escena. Exerce a docencia en dramaturxia e escrita dramática na ESAD de Galiza desde o ano 2005. É colaborador, entre outras publicacións, de revistas de cultura e artes performativas como 'ARTEZBLAI', 'Primer Acto', 'Danza en escena', 'Tempos Novos', 'Grial'. Entre setembro de 2019 e xuño de 2021 foi colaborador especialista en artes escénicas da CRTVG, no programa 'ZIGZAG' da TVG. Desde setembro de 2022 é colaborador semanal sobre artes escénicas do 'DIARIO CULTURAL' da RADIO GALEGA.
Premio Álvaro Cunqueiro da Xunta de Galicia en 2001. Premio María Casares á Mellor Adaptación teatral en 2016. Premio de Honra do Festival de Teatro Galego, FETEGA, do Carballiño (Ourense) en 2020. Premio Internacional de Xornalismo Carlos Porto en 2024 e 2026, de prensa especializada, do Festival de Almada, organizado pola Câmara Municipal de Almada, do que tamén recibira unha Mención Honrosa en 2020.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

'CEIBE' de Fran Sieira Compañía de Danza. Foto: Aigi Boga.

Fran Sieira Compañía de Danza estrea ‘CEIBE’ en Cangas do Morrazo

'O dragón de ouro'. Sarabela Teatro. Foto: Rubén Vilanova.

O dragón de ouro