in ,

Fran Sieira Compañía de Danza estrea ‘CEIBE’ en Cangas do Morrazo

O Auditorio Municipal Xosé Manuel Pazos Varela de Cangas acolle o sábado, 2 de marzo de 2024, a estrea de ‘CEIBE’ de Fran Sieira Compañía de Danza

'CEIBE' de Fran Sieira Compañía de Danza. Foto: Aigi Boga.
'CEIBE' de Fran Sieira Compañía de Danza. Foto: Aigi Boga.

Fran Sieira Compañía de Danza presenta CEIBE, unha peza contemporánea reflexo do baile e a música tradicional que investiga a relación entre o xénero e a nosa tradición. A nova proposta dirixida polo bailador Fran Sieira e o bailarín Sergio R. Suárez estréase o 2 de marzo, ás 20 horas, no Auditorio Municipal Xosé Manuel Pazos Varela de Cangas.

En CEIBE oito bailadoras e bailadores abordan as identidades de xénero e a tradición a través da linguaxe do movemento. A peza busca comprender como o xénero que nos atravesa socialmente e, de forma concreta, no baile tradicional.

CEIBE reflexiona sobre os estereotipos para establecer novas formas de entender as identidades de xénero. No escenario, os corpos carentes de xesto propoñen ao público fixar a mirada na expresión corporal, habitualmente marcada polos modelos hexemónicos de masculinidade e feminidade. A maraña de fío vermello nos rostros simboliza os códigos sociais que, desde que nacemos, condicionan a nosa maneira de ser, actuar e movernos.

CEIBE é o resultado dun proceso creativo moi enriquecedor que segue aberto” asegura Fran Sieira, director da compañía e codirector do novo espectáculo. “Mantemos a posibilidade de seguir investigando en escena, en cada actuación, a forma na que o xénero atravesa os nosos corpos”, di o bailador e tamén codirector artístico da peza, Sergio R. Suárez, profesional da danza e mestrado en materia de xénero e temática LGBTIQ+

Desde xuño de 2023, CEIBE foi collendo forma en distintas residencias artísticas en Allariz, Santiago de Compostela, Ribeira e Ames. En cada unha das etapas o proceso creativo foi repousando, madurando e medrando dentro e fóra de escena. O resultado final compartirase o 2 de marzo no Auditorio Municipal Xosé Manuel Pazos Varela de Cangas e na xira de presentación da peza.

Nesta ocasión, o elenco de bailadoras e bailadores de CEIBE está formado por Adela Otero, André Adrio, Aida Tarrío, Artur Puga, Cris Canosa, José Adrián Casal, Martín Mondragón, María Montero e Patricia Sanchez. A composición musical é de MounQup con cancións de Carlos Quintá; o deseño do espazo escénico, de Laura R. Iturralde; a iluminación, de Fidel Vázquez; o espazo sonoro, de Isaac Millán; o vestiario, de Érica Oubiña e o acompañamento de dirección, de Gena Baamonde e Andrea Quintana do colectivo VACAburra.


Publicidade

CEIBE é o terceiro espectáculo de Fran Sieira Compañía de Danza e, como xa é habitual, a proposta aborda cuestións sociais coa vontade de xerar conciencia e mudar a realidade. “DeMente é unha peza pro saúde mental na que visibilizamos a loita contra os estigmas que sofren as persoas que teñen algún tipo de enfermidade de saúde mental. En CEIBE, partindo tamén das nosas experiencias, estudamos como o xénero atravesa a sociedade e, en particular, o baile tradicional”, reflexiona Sieira.

A compañía naceu en 2017 como un paso máis na carreira artística do bailador Fran Sieira, un dos nomes de referencia na danza tradicional do país. En 2023 os seus espectáculos formaron parte, entre outros, da programación do Festival Internacional de Teatro de Manizales (Colombia), da Fira Mediterrània de Manresa (Catalunya) e da Red Acieloabierto, a rede estatal de festivais de danza contemporánea en espazos non convencionais. En 2022, DeMente foi candidata a sete categorías dos Premios Max, entre os cales ao mellor espectáculo de danza.

A xira de estrea de CEIBE ten as seguintes datas pechadas:

  • 02/03 Auditorio Municipal Xosé Manuel Pazos Varela de Cangas
  • 09/03 Teatro Principal de Santiago de Compostela
  • 12/04 Casa da Cultura de Milladoiro, Ames
  • 26/04 Auditorio Municipal de Vilagarcía de Arousa
  • 27/04 Pazo da Cultura, Narón
  • 03/05 Auditorio Municipal Gustavo Freire, Lugo
  • 16/05 Teatro Rosalía de Castro, A Coruña

O equipo de CEIBE está formado por:

  • Dirección artística: Fran Sieira e Sergio R. Suárez
  • Acompañamento de dirección: VACAburra
  • Bailadoras e bailadores: Adela Otero, Adrao Casal, Aida Tarrío, André Adrio Artur Puga, Cristina Canosa, María Montero, Martín Mondragón e Patricia Sánchez
  • Música orixinal: MounQup con cancións de Carlos Quintá
  • Iluminación: Fidel Vázquez
  • Espazo escénico: Laura R. Iturralde
  • Vestiario: Érica Oubiña
  • Espazo sonoro: Isaac Millán
  • Construcción de escenografía: Nononon.lab
  • Imaxe e deseño gráfico: Paulina Funes
  • Distribución: Urdime

A través das Axudas á Creación Escénica 2023 da Xunta de Galicia.
Coa colaboración da Deputación da Coruña, Concello de Ribeira, Concello de Ames, Concello de Cangas, Fundación Cidade da Cultura de Galicia, A Casa Vella, Codisoil SA.

Redacción

Redacción

Somos a erregueté | Revista Galega de Teatro.
A única publicación periódica que ten como obxecto as artes escénicas galegas dende 1983.

Deixa unha resposta

Avatar

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Microefectos dramatúrxicos

Os Microefectos Dramatúrxicos celebran unha nova edición

'O dragón de Ouro' de Roland Schimmelpfennig. Sarabela Teatro. Foto: Rubén Vilanova.

O marabilloso e o terríbel