in ,

Elefante Elegante estrea ‘Un momento precioso’

Esta tarde, as 20.30 horas, no Teatro Jofre de Ferrol

20240411 Presentación Un momento precioso Elefante Elegante red
Presentación da peza 'Un momento precioso', de Elefante Elegante

O escenario do Teatro Jofre transformarase hoxe, 12 de abril, ás 20.30 horas, nunha sorte de xardín idílico para acoller Un momento precioso, a última creación de Elefante Elegante. Desta vez, a compañía de teatro físico liderada por María Torres e Gonçalo Guerreiro vai presentar un espectáculo para público adulto que ten como fío condutor a emerxencia climática.

Segundo María Torres, a través desta obra “o público vai ter a oportunidade de reflexionar sobre a relación do ser humano co planeta” pero sen renunciar “á ironía, o humor e a poesía e sempre co propósito de emocionar, concienciar e facer rir”. Pola súa banda, Gonçalo Guerreiro destaca que, alén da reflexión que desexa provocar no espectador, o seu labor persigue crear no escenario “un momento de gozo e puro pracer”. Para conseguilo contaron cun equipo dunha ducia de persoas. Guerreiro e Torres asinan ambos os dous a creación de Un momento precioso. Guerreiro é, tamén, o responsable da dirección e a escenografía da peza, mentres que o elenco está integrado por Pablo Sánchez, Julia Laport, Mario Rodríguez, Sofía Espiñeira, Eloi García e a mesma María Torres. Pola súa banda, a musica está composta por Manuel Fonte, a iluminación é de Nacho Martín e Carolina Díguele é a artífice do vestiario.

Un momento precioso é un espectáculo de teatro de movemento que transita entre o teatro, a danza e a acrobacia. A través da relación da música co movemento e a interacción cos elementos da escenografía, revélanse todos os segredos dunha posta en escena que se fundamenta na dinámica plástica da narrativa teatral. A peza evoca “o imaxinario simbólico do xardín asociado ao ideal da Terra como unha sorte de Arcadia feliz”. O xardín simboliza a prosperidade, a paz e a liberdade, pero o espectáculo transita entre o soño e o pesadelo, entre o paraíso e o inferno, entre a luz e a sombra, entre a construción arquitectónica intelixente e a catástrofe. “O mundo está a arder, da Amazonia a California, de Australia ao Ártico Siberiano. Cómpre escoller: quedamos observando como se consome no lume ou optamos por facer o preciso para alcanzarmos un futuro diferente?”, explican dende a compañía.

Un momento precioso é unha coprodución de Elefante Elegante e o Concello de Culleredo (onde Elefante Elegante é compañía residente) e conta coa subvención da Axencia Galega das Industrias Culturais da Xunta de Galicia (Agadic) e o apoio do Concello de Ferrol. As entradas para a estrea de hoxe teñen un prezo de 5 € e xa se poden conseguir en liña.


Publicidade

A compañía

Elefante Elegante naceu do desexo de desenvolver unha linguaxe plástica, poética e universal que non dependa exclusivamente do texto e que permita indagar en temáticas de carácter social e existencial. As súas creacións xorden do diálogo do teatro físico coa danza, coa música e coas artes visuais.

A compañía foi fundada por María Torres e Gonçalo Guerreiro no ano 2000 e residiu os primeiros anos en Bélxica, ata instalarse en Galicia no 2007. O grupo comezou como un proxecto experimental do que facían parte actrices e actores de diferentes países europeos, e, en escena, cada intérprete falaba a súa propia lingua. Ese foi o motor para iniciar a súa práctica en torno ao xogo corporal. Actualmente, Elefante Elegante ten a súa sede no concello de Culleredo (A Coruña), onde é compañía residente. Os seus espectáculos foron recoñecidos con varios premios María Casares.

Este ano son candidatos aos Premios Max á mellor dirección de escena e foron gañadores dos Premios María Casares 2024 á mellor dirección de movemento pola obra Un hotel de primeira sobre o río, do Centro Dramático Galego.

Redacción

Redacción

Somos a erregueté | Revista Galega de Teatro.
A única publicación periódica que ten como obxecto as artes escénicas galegas dende 1983.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Operación rescate MITEU

Arranca a 29ª edición da MITEU de Ourense

Pulseira LGTBI GALICIA

Opino de que. Invisibilidades escénicas