O teatro e os espazos de convivencia aliméntanse mutuamente. Aínda estou dixerindo todos os nutrientes que recibín no 41º Festival de Almada. Decátome de que este alimento non procede exclusivamente da programación de espectáculos e actividades complementarias, senón de dous aspectos fundamentais que caracterizan a este festival. Por un lado, está organizado por unha compañía de teatro, o que redunda nunha calidez e coidado humanos moi diferentes ao estilo máis frío e formal dos festivais organizados por institucións ou empresas desvinculadas do oficio da creación. O aire desenfadado e o amor polas artes escénicas palpáronse en todos os detalles, no trato e nas conversas co público, invitados e artistas. Por outra banda, contan cun espazo social, para comer e beber a prezos populares, con mesas longas, onde sentas xunto a artistas e veciños de Almada, no patio do Colexio D. António da Costa , que está anexo ao Teatro Municipal Joaquim Benite. Alí, de súpeto, coñeces a xente como Teresa Cayolla Porto e Maria José Albarran Carvalho, que se fan as túas amigas, porque desfrutamos falando das relacións entre a historia de Galicia e a de Portugal, as nosas linguas e culturas irmás, sobre os espectáculos que vemos, e coas que aprendo moito sobre a historia recente de Portugal. De súpeto, sentas a comer diante dunha muller e dun home de Almada que che preguntan de que parte de Portugal es. Dislles que es de Galicia e despois cóntanche as conexións entre a canción protesta portuguesa, galega e española e tamén che din cales son os espectáculos que máis lles gustaron dos que viron no festival e por que.
Dos catorce días que dura o festival, do 4 ao 18 de xullo, estiven alí cinco días, do 10 ao 14, e puiden ver oito espectáculos ben distintos: Sans tambour de Samuel Achache (Théâtre des Bouffes du Nord. Francia), Black Lights de Mathilde Monnier (Compagnie MM. Otto Productions. Francia), Além da dor de Alexander Zeldin, dirixida por Rodrigo Francisco (Companhia de Teatro de Almada. Portugal), Full Moon de Josef Nadj (Bureau Platô. Francia), Relative Calm de Robert Wilson e Lucinda Childs (Change Performing Arts. Italia), Entrelinhas de Tónan Quito e Tiago Rodrigues (HomemBala. Portugal), Crisi di nervi, tre atti unici di Anton Cechov dirixida por Peter Stein (Tieffe Teatro Milano. Italia), e Manuela Rey Is In Da House de Fran Núñez (Centro Dramático Galego. Teatro do Noroeste – Centro Dramático de Viana. Galicia & Portugal).
Puiden ver dúas exposicións: “¡Liberdade! Liberdade! A Revolução no Teatro” comisariada por Nuno Costa Moura (Museo Nacional do Teatro e da Danza de Portugal), que se centra nas iniciativas teatrais dunha década fundamental entre a Ditadura e a democracia, entre 1972 e 1982. Teatro universitario, compañías afeccionadas e profesionais tomando unha posición contra a censura e, máis tarde, abríndose a experiencias artísticas rompedoras vinculadas a todo o teatro europeo, expresión desa vontade de liberdade na que insiste de xeito exclamativo o propio título da mostra. Unha instalación documental onde imaxes e breves textos nos informan dunha evolución que tamén foi unha revolución, ao ritmo da Revolución dos Caraveis. Se algo de especial ten esta exposición é que nos axuda a percibir como a través do teatro xa se estaba a impulsar a revolución que sacaría ao país das tebras da Ditadura.
En 2024, Portugal cumpre 50 anos do 25 de abril de 1974, data importante desa Revolución. O 41º Festival de Almada tamén os celebra rendendo homenaxe á compañía de teatro A Barraca de Lisboa, de cincuenta anos, coa instalación do escenógrafo José Manuel Castanheira, titulada “Um sonho de Federico García Lorca em Lisboa”. A modo de teatro popular e colorista de monicreques, Castanheira converte a instalación nun escenario, unha especie de Paraíso do Xardín das Delicias, no que se combinan figuras teatrais con fotografías dos rostros de artistas vinculados aos cincuenta anos de A Barraca, desde o propio Lorca, até Saramago ou Bertolt Brecht, pasando por actrices e actores, como Maria do Céu Guerra, Mário Alberto ou Hélder Costa. O escenario dos monicreques lévanos a unha viaxe onírica e fantástica, na que recoñecemos decorados e vestiarios teatrais, asociados a rostros de personaxes principais da historia da cultura occidental e portuguesa.
Ademais, o 41º Festival de Almada, como en edicións anteriores, ofreceu un curso formativo baixo o epígrafe “O sentido dos Mestres”, que este ano estivo centrado na dramaturxia con Rui Cardoso Martins; as conversas dos “Encontros da Cerca” no Convento dos Capuchos, arredor do tema “Creación, ideoloxía, identidade”; pola tarde os “Coloquios na Esplanada” con artistas dalgúns dos espectáculos programados; etc. Este ano non puiden asistir a todas estas xuntanzas e coloquios porque me encerrei para escribir sobre os espectáculos que vira o día anterior. Redacteinos en portugués, coa axuda da amiga Maria José Albarrán Carvalho, e publiqueinos na edición dixital da erregueté | Revista de Teatro Galego ao día seguinte. Este traballo fíxome perder algunhas desas actividades complementarias, pero tamén debo dicir que non me quedou máis remedio que facer deste xeito. Cando vexo algo que me afecta, que me fascina, que me sorprende, que me emociona e que me fai pensar, entón teño que escribir e compartilo. É coma se me sentise obrigado a facelo, coma se non me quedase outra opción. Non escribo porque mo digan ou porque me paguen, fágoo por vocación, porque me gusta, porque aprendo e desfruto, porque ao escribir sobre un espectáculo afondo, a través da análise e a reflexión, na experiencia artística que me brindou.
Neste sentido, recibín tamén a feliz noticia de que este ano me concederon o Premio Internacional de Xornalismo Carlos Porto, dedicado á prensa especializada, organizado polo Concello de Almada e o Festival. Foi debido a un artigo publicado na erregueté online sobre A equipa de Afonso Cruz e Rui M. Silva, presentado no 40º Festival de Almada 2023. Curiosamente, trátase dunha obra que é un exemplo do mencionado: o espectáculo afectoume tanto que necesitaba escribir sobre el, foi un dos que máis me tocou daquela edición do festival. É curioso porque non escribín nada sinalando iso, nunca digo cal é o espectáculo que máis me conmove e procuro non establecer xerarquías en función dos meus gustos persoais ou das miñas vivencias máis íntimas. Porén, algo diso se debe filtrar para que, ao final, un xurado plural e diverso como o deste Premio Internacional de Xornalismo Carlos Porto se fixe nese artigo e non noutros da miña autoría. O mesmo pasou hai uns anos, en 2020, cando me concederon unha Mención de Honra polo que escribira sobre Mary Said What She Said de Robert Wilson, con Isabelle Huppert, publicado en Artezblai. El Periódico de las Artes Escénicas en 2019.
Está claro que todo o que concirne ao teatro, cando funciona, nos afecta e nos implica até ao fondo e iso acaba por translucirse no que somos e no que facemos.
Por iso, que o Festival de Almada estea feito por xente do teatro, inflúe directamente na calidade e na calidez e acaba por implicarnos, porque é a partir de aí, do compromiso vital, dende onde se fai.