in , , ,

Teatro Caracol representa a primeira obra sen Olga González

Na estrea lembraron a quen fora a súa alma máter e directora durante máis de trinta anos

caracol 2020 circo
'Circo', de Teatro Caracol, do ano 2000.

O  IES Francisco Asorey de Cambados acolleu a estrea de Buuuuuu, a primeira obra sen Olga González Vilas, alma máter e directora da compañía durante máis de tres décadas.

O grupo

Un conxunto de nais e pais de Cambados crearon un grupo de teatro no ano 1993. Sen ter moita idea desta arte, animáronse a facela co único obxectivo de sacarlle un sorriso ás crianzas. Chamáronlle Caracol porque traballaban amodiño, facían fincapé en facer as cousas segundo as necesidades das persoas do grupo. Nunca se meteron nas institucións para que o ritmo da compañía non estivese forzado pola burocracia. Elas mesmas falan do moito que medrou o grupo desde os primeiros espectáculos.

O lugar onde ensaian e representan as distintas obras para os colexios de primaria de Cambados e arredores, e tamén para toda a familia, é o auditorio do IES Francisco Asorey, equipado tecnicamente polo grupo e actualmente polo propio centro. Caracterízanse por facer todo de forma artesanal, tanto o attrezzo, o vestiario, as impresionantes escenografías, os bailes, as músicas coas letras. Todo! Todo o preparan como se fose un gran musical. Nestes anos Caracol ofreceu a posibilidade de facer teatro a moita xente, abarcando distintas xeracións e profesións para brindar aos máis pequenos un momento de ilusión.

Historia dun chícharo Teatro Caracol
‘Historia dun chícharo’, de Teatro Caracol, do ano 2019.

Olga González

Xa se apagaron as luces,

xa estremece o corazón.

É algo máis que un sentimento,

algo que se leva dentro,


Publicidade

xa comeza a función.

(Letra de Olga González)

Olga González, directora do grupo de Teatro Caracol, deixounos definitivamente o pasado mes de marzo despois de pasar unha longa enfermidade. Persoa nerviosa e comprometida con Cambados e a infancia, segundo o seu fillo Matías Daporta, “Olga foi unha axitadora cultural que loitou moito pola vila. Colaborou con distintas asociacións, facía obradoiros, creou a comparsa As nais da praza de Alfredo Brañas, mais a súa vida era facer as obras de Caracol. No grupo adaptaba os textos, non os escribía, activaba a implicación da xente, escollía a música, colaboraba cos escenógrafos, conseguía cartos, materiais, trataba cos coles… Gustábanlle os grandes musicais de Madrid e tirou moito de Yllana. Tiña o peso de toda a asociación. Agora estamos orfos e reconfigurando o xeito de seguir adiante sen ela”.

Olga González Vilas
Olga González Vilas

BUUUUUU

Este último espectáculo de Caracol, BUUUUUU, foi estreado o 21 de abril. É de creación colectiva e con menor aparato escénico do habitual por carecer de tempo suficiente para preparalo. Cóntanos a historia de un ladrón que ao fuxir da policía se atopa cun mago que acaba de fracasar nun dos seus números. O espectáculo está composto de gags humorísticos e números de maxia que van confeccionando a trama. A sala do Asorey estaba chea e mesturada con espectadores de distintas xeracións. Caracol volvía actuar e o público rendíase no transcurso das accións. Un grande aplauso final recordando a súa directora envolveu de emoción a todo o auditorio. Nos sucesivos días representaron a obra para 2000 alumnos e alumnas. Ano tras ano, xeración tras xeración, as crianzas seguirán agardando un novo espectáculo de Caracol.

Estes comentarios son sacados dun vídeo conmemorando o 25 aniversario de Caracol. Non sei como se chaman as persoas que o dixeron pero me gustaría destacalo.

  • “Caracol é traballo no tempo libre, risos, facer cousas dignas, a unión, a emoción de chorar por unha bonita historia, transmitir o amor”.
  • “Peter Pan saíunos mallado. Meu fillo non se quería lavar a cabeza despois da función porque tiña pos máxicos”.
  •  “O mellor de Caracol estaba nos camerinos: o de cambiarse, vestirse e andar a correr. Maquíllame! Iso non hai diñeiro que o pague”.
  •  “O día que había dúas funcións dabámoslle á nosa directora Olga o mesmo ramo, e ela poñía a mesma cara de sorpresa”.

'Un día de espías', de Teatro Caracol
Olga González en ‘Un día de espías’, de Teatro Caracol, do ano 2018

Xoán Carlos Riobó

Xoán Carlos Riobó

Director de escena e dramaturgo. Desenvolve a súa actividade teatral con grupos de adolescentes e adultos dentro do ámbito escolar e amador (Obradoiro de Teatro María Soliña, Teatro a Réplika e Teatro Aberto). Como dramaturgo ten publicados varios textos para crianzas e adolescentes en Edicións Fervenza: 'O retábulo das marabillas no país do chapapote', 'Acariñando os desexos' e 'A viaxe de Burhan: Éxodo'. Fundador da Mostra de Teatro Escolar de Cangas. Dirixe o Ciclo de Teatro Afeccionado do Morrazo. Membro dos grupos de traballo que organizan a Mostra Internacional de Teatro Cómico e Festivo de Cangas (MITCFC) e a Mostra de Teatro do Ensino Secundario do Morrazo (MOTESMO). É membro do consello de redacción da 'erregueté'.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Paüra MIT Ribadavia

Paüra

40ª MIT Ribadavia. Sábado 27 de xullo de 2024. Foto: Afonso Becerra.

40 MIT Ribadavia e Roberto Pascual