A xestora cultural, investigadora e creadora Sabela Mendoza vén de obter a maior puntuación na licitación para a contratación da nova dirección artística da Mostra Internacional de Teatro, MIT de Ribadavia. Mendoza acadou 70 puntos sobre 95 de parte da mesa de valoración nos apartados técnicos do plan de dirección artística e de experiencia na dirección de proxectos artísticos e/ou culturais tanto en institucións públicas como privadas, e 0 puntos na proposta económica, ponderable ata un máximo de 5 puntos; situándose por riba das outras candidaturas admitidas e analizadas no procedemento: a de Matías Daporta González, que quedou en segundo lugar, e a de Lúa García Saura. Tras coñecerse a puntuación total de cada candidatura, a mesa de contratación formulou o pasado día 5 de marzo a proposta de adxudicación a favor de Sabela Mendoza.
O posto quedara vacante despois de que Roberto Pascual deixase o cargo ao remate da pasada edición, tras quince anos á fronte do festival, obtendo grandes logros de asistencia e calidade. Pascual, á súa vez, asumira o posto despois do falecemento de Rubén García, grande impulsor e primeiro director da MIT.