O Premi Born de Teatro celebra neste 2025 a súa quincuaxésima edición, para a que vén de abrir o prazo de admisión de obras. O certame, que está convocado polo Cercle Artístic, Sociedad Cultural de Ciutadella de Menorca, co patrocinio do Concello de Ciutadella de Menorca, o Consell Insular de Menorca e o Goberno das Illas Baleares, outorgará 14.000 € á obra gañadora, que será tamén editada nas catro linguas oficiais do Estado Español. A edición en galego será publicada pola erregueté | Revista Galega de Teatro.
Poderá participar calquera persoa, agás as autoras e autores que gañasen algunha das tres últimas edicións, cunha única obra inédita, de temática libre, e o prazo de admisión de orixinais permanecerá aberto ata o vindeiro 1 de xuño.
As secretarias do Premi Born poranse en contacto a través de correo electrónico unicamente coa persoa gañadora de xeito previo á entrega do premio, que terá lugar na tradicional gala que alberga cada ano o Teatre des Born de Ciutadella de Menorca, e que este ano se celebrará o 18 de outubro.
Consulta e descarga aquí as bases completas do Premi Born 2025.
XI Residencia de Creación Teatral
Ademais, o Cercle Artístic vén de convocar tamén a XI Residencia de Creación Teatral, que se desenvolverá entre o 1 e o 15 de outubro deste ano, no marco da celebración do L Premi Born de Teatre, e a presentación de proxectos está aberta a compañías que queiran desenvolver nela as súas montaxes ou proxectos colectivos.
O prazo de recepción de orixinais rematará tamén o vindeiro 1 de xuño e o proxecto gañador darase a coñecer o 1 de xullo.
Consulta e descarga aquí as bases completas da XI Residencia de Creación Teatral.
‘El silenci’
Este ano 2025 a erregueté | Revista Galega de Teatro editará a tradución ao galego de El silenci, de Elena Santiago, a peza que gañou en 2024 o Premi Born, e que se poderá conseguir dentro da subscrición á revista.