O Titiriberia: Festival de títeres tradicionais, organizado pola asociación Morreu o Demo co apoio do Concello de Rianxo, a Xunta de Galicia e a Deputación da Coruña, arrancou onte, 12 de agosto, e desenvolverase ata o próximo día 18 cun cartel que inclúe 30 funcións da man de 20 compañías, ademais de obradoiros, mesas redondas e proxeccións.
Este ano Titiriberia ten como gran convidada internacional a República Checa, xa que o festival trae a Rianxo a tradición histórica dos monicreques checos da man de dous grandes especialistas do país centroeuropeo: Marie Jirásková e Pavel Jirásek.
O cartel abriu onte con dúas estreas, a inauguración dunha exposición sobre monicreques históricos da República Checa e unha mesa redonda. Ás 11.30 horas comezou no Auditorio de Rianxo a programación de sala con Baleazaleak, obra de Ostomila Títeres, coa que a compañía vasco-nicaraguana regresou a Titiriberia con esta ambiciosa produción, da que achegou a estrea en galego, e que conectou co carácter mariñeiro de Rianxo.
Ás 13.00 horas celebrouse o pasarrúas inaugural, A Festa dos títeres, e pola tarde, ás 17.30 horas, celebrouse no Auditorio de Rianxo unha mesa redonda sobre o período de maior esplendor da arte dos monicreques, na que . participaron as e os investigadores Xesús Torres Regueiro, Adolfo Ayuso e Comba Campoi, e que estivo moderada pola xornalista Montse Dopico.
O Auditorio de Rianxo tamén acolleu ás 19.30 horas a inauguración da mostra Títeres históricos checos da Colección de Marie e Pavel Jiráskovi, que se poderá ver até o 18 de agosto.
Presenza de Chequia e Portugal
A gran protagonista internacional deste ano será a República Checa, grazas a presenza de Marie Jirásková e Pavel Jirásek. A súa participación en Titiriberia, que incluirá un curso de formación, unha exposición, visitas guiadas, presentacións de libros e unha sesión audiovisual, é posible grazas ao apoio e á colaboración do Ministerio de Cultura da República Checa a través do Plan Nacional de Renovación e os Fondos Next Generation da Unión Europea, da Embaixada da República Checa en España, do Centro Checo en Madrid e da Facultade de Teatro da Academia de Artes Escénicas Leoš Janáček (JAMU), de Brno.
A presenza internacional do Festival de Titiriberia deste 2024 incluirá tamén a compañía Marionetas Rui Sousa. Esta formación portuguesa ofrecerá o seu espectáculo Dom Roberto, personaxe equivalente na tradición lusa ao Barriga Verde galego. Ademais, dende fóra de Galicia, chegan até Rianxo compañías de Murcia (Los Claveles), Andalucía (Títeres desde Abajo), Madrid (La Tartana) ou Euskadi (Ostomila Títeres). Estas últimas formacións participan na mostra grazas á colaboración do Instituto Nacional de Artes Escénicas y de la Música (INAEM) e do Etxepare Euskal Institutua, respectivamente.
Outro dos pratos fortes deste Titiriberia é a chamada Feira Vella, unha recreación dunha feira tradicional na vila de Rianxo. Situado no Campo de Arriba, neste espazo incluiranse propostas escénicas xunto a unha colección de xogos antigos e atraccións de feira tradicionais. Entretementos tradicionais de puntaría como a ra e o pimpampún ou un teatriño con títeres estarán a disposición do público para uso libre. Esta feira acollerá unha exposición do creador Manuel Silva Bisgue, quen leva anos a fotografar as diferentes edicións de Titiriberia, e será o espazo para a estrea de diferentes coproducións escénicas do festival neste 2024.
O programa inclúe dúas producións propias e sete coproducións con diferentes compañías. As coproducións son Peito de Lobo, da compañía Seisdedos; Os casos da Feira vella, de Teatro Airiños, ou Chafallas. A vendedora de fume, de A Cova das Letras. Outras coproducións do festival serán As aventuras de Pituquito, que Trécola Producións estreará na praia de Tanxil; A vella do gaiteiro, de Títeres Alakrán; Cantar do ano de Rianxo, tamén de Seisdedos, e Baleazaleak, obra dos vascos de Ostomila Títeres que trouxo ao galego esta montaxe do seu repertorio.
As producións propias que, un ano máis, Titiriberia ofrecerá ao público rianxeiro son As Variétes do Barriga Verde, espectáculo de variedades que evoca as actuacións que facía nas feiras a familia Silvent na súa barraca, e A Festa dos Títeres, o pasarrúas inaugural que protagonizaron onte Vai de Roda, Viravolta e Os Quinquilláns.
A presenza galega complétase con outros nomes. Ademais dos xa citados, pasarán por Rianxo Os Monicreques de Kukas, Babaluva, Xirapaus, Pedras de Papel ou Teatro ó Cubo, compañía que coproduce co Centro Dramático Galego o espectáculo De Vilatriste a Vilalegre. O programa complétase con outras actividades, entre as que destacan a mesa redonda que se celebrou onte baixo o título Os títeres o maior espectáculo do mundo, a mostra dos fondos da compañía Viravolta nos escaparates de dez comercios grazas á implicación de ARE (Asociación Rianxeira de Empresas) e obradoiros para a cativada.
Consulta aquí a programación completa.