A compañía de teatro emerxente Código Azul arranca a xira da súa primeira produción, Tolóptica, que estreou o pasado 15 de setembro no Teatro Jofre de Ferrol e que se poderá ver de novo o vindeiro sábado, 21 de setembro, ás 20:30 horas, no Fórum Metropolitano da Coruña. O equipo volve levar ao escenario a obra do dramaturgo Ismael Gil Candal, continuando así “unha xira que promete ilusión, talento e paixón pola profesión”.
A obra
Tolóptica preséntase coa seguinte sinopse: “‘Hai algo máis importante cá familia, os amigos ou o amor? Si, e iso é o traballo. Cando o reloxo nunca se detén, pero a vida si’. No congreso anual de vendedores de primeira de Tolóptica, Leo atopase atrapado nun palco superior. Outro rapaz aparece sen seguir os códigos da convención, tentando subirlle os ánimos. Mentres tanto, unha excéntrica presentadora mantén ao público entretido, pero o éxito do congreso non é o que parece…
Con este leitmotiv, Tolóptica explora a percepción contemporánea do traballo como elemento central na sociedade, e como pode chegar a deformar o noso concepto de identidade e realidade. A obra convida ao público a reflexionar sobre as demandas da competitividade, a autoesixencia e a hiperactividade, e os seus efectos na saúde psicolóxica, física e ideolóxica.
A proposta escénica de Código Azul, con humor e unha visión crítica, achega unha análise profunda das dinámicas laborais e das súas consecuencias persoais e sociais. Benvidos ao mundo dos workaholics”.
O equipo
- Intérpretes: Martín Espantoso, Marcos Fernández, Yoli Lorenzo
- Dirección: Xosé Leis
- Dramaturxia: Ismael Gil Candal
- Dirección de arte: Naila Rodsúa
- Produción: Martín Espantoso
- Agradecementos: Belén Senín
A compañía
Fundada en 2024 por Martín Espantoso, Código Azul nace na Coruña coa intención de “dar visibilidade ás novas xeracións de artistas galegos”. A compañía destaca a súa vontade de ofrecer unha plataforma cultural que aborda problemáticas sociais contemporáneas dende unha perspectiva crítica e irónica. A través do teatro, Código Azul propón unha reflexión sobre valores como a igualdade, a xustiza e a inclusividade, mantendo sempre un compromiso coa verdade e a didáctica.