in

O Vello Cárcere de Lugo acolle unha nova edición de Habitación Peregrina PRO

Comezou o martes cun obradoiro de Chévere sobre teatro accesible e coa entrega do premio Julio Peña a Anxo Manoel

Habitación Peregrina PRO en Lugo © Miguel Lamas reducida
Foto grupal desta edición do encontro Habitación Peregrina PRO. Foto de Miguel Lamas.

Camiño Escena Norte, o programa de intercambio cultural no que participan compañías de teatro, danza e artes do movemento e novo circo de Galicia, Asturias, Cantabria, Euskadi e Navarra, está a celebrar dende o pasado martes e ata hoxe, xoves, 19 de setembro, unha nova edición do encontro profesional Habitación Peregrina PRO.

Este, que se está a celebrar no centro sociocultural O Vello Cárcere, ten como obxectivo “favorecer o encontro e as sinerxías entre as compañías de artes escénicas dos territorios nos que se desenvolve o proxecto mais tamén con outros axentes do sector, como responsables de programación de recintos ou institucións públicas”.

O encontro comezou o martes pola tarde cun obradoiro sobre teatro accesible, impartido pola compañía galega Chévere, e pola noite celebrouse a entrega do premio Julio Peña, que recoñece os valores de cooperación nun profesional das artes escénicas. Este ano recaeu en Anxo Manoel, de Lucecús Teatro.

Na mañá de onte, mércores, as persoas participantes en Habitación Peregrina PRO recibiron a visita da deputada de Cultura, Patrimonio Histórico Artístico e Normalización Lingüística da Deputación de Lugo, Iria Castro; e da edil de Cultura, Turismo e Promoción da Lingua do Concello de Lugo, Maite Ferreiro; en representación das institucións luguesas que colaboran no desenvolvemento de Camiño Escena Norte.


Publicidade

Previamente, as e os asistentes tiveran ocasión de abordar o potencial transformador das artes escénicas desde un enfoque sostible a través dun parladoiro impartido polas consultoras María Baqueiro e Arantxa Estévez, impulsoras do Pacto Cultura Sustentable. A formación continua hoxe, cun obradoiro de Patricia Hermida (presidenta AGEM e responsable de Dotbeat) sobre “cuestións legais e fiscais claves para as compañías no seu día a día”. Ademais da formación, este ano o proxecto promove a celebración de novos espazos de encontro informais no Habitación Peregrina PRO. É o caso da actividade ¡Discoteca de Señoras… y Señores también!, que conta coa bailarina Marta Alonso Tejada e coa cantante Mounqup como anfitrioas.

Función en Outes

Este sábado, 21 de setembro, as funcións do ciclo itinerante Constelacións de Camiño Escena Norte chegarán por vez primeira a Outes. A compañía cántabra El Conejo Salvaje, que aposta por unha creación interdisciplinar na que xunta as técnicas de clown, circo, comedia física e teatro cómico-xestual, interpretará o seu espectáculo La casa de los dedos a partir das 21.00 horas no auditorio da Casa da Cultura de Outes. A peza, dirixida a público adulto, “presenta a historia dunha barraca de feira que, mentres percorre distintas vilas de España, mostra o mundo sorprendente e extraordinario do oculto, do alén, das criaturas fantasmagóricas e inexplicables que viven entre a poboación, mais pertencen ao mundo dos mortos”.

Redacción

Redacción

Somos a erregueté | Revista Galega de Teatro.
A única publicación periódica que ten como obxecto as artes escénicas galegas dende 1983.

Deixa unha resposta

Avatar

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Territórios de Liberdade reducida

O Festival Internacional É-Aqui-in-Ócio celebra a súa 15ª edición

Tolóptica Brais e Leo (Marcos Fernández e Martín Espantoso) reducida

Código Azul presenta ‘Tolóptica’