in

Camiño Escena Norte inicia a programación en Galicia da súa sexta edición

Desenvolverase ata o vindeiro 27 de outubro en 13 localidades

Check Out Adrián Conde reducida
'Check Out', de Adrián Conde. Fonte: Camiño Escena Norte.

Camiño Escena Norte, o programa de intercambio cultural no que participan compañías de teatro, danza e artes do movemento e novo circo de Galicia, Asturias, Cantabria, Euskadi e Navarra, inicia hoxe, 13 de setembro, a súa programación en territorio galego, que se desenvolverá ata o vindeiro 27 de outubro baixo o lema A oportunidade do agarimo. Un total de 13 localidades, dúas máis que no 2023, serán as que contarán este ano con funcións desta iniciativa.

O espectáculo que abre a programación é Check Out, do asturiano Adrián Conde, unha proposta dirixida a público de todas as idades, especialmente o infantil, que se representará esta tarde a partir das 19:00 horas na Praza das Praterías, en Santiago de Compostela. En caso de choiva, a función farase no Salón Teatro do Centro Dramático Galego. Nos dous casos, o acceso será de balde ata completar capacidade.

Algunhas das creacións escénicas da carteleira percorrerán escenarios históricos ou espazos singulares de Vilalba, Melide, Carballo, Vimianzo, Lugo, Ames, Arzúa, Ribadeo e Viveiro; sedes ás que este ano se suman Foz e Outes, á vez que se recupera Sobrado dos Monxes. Ademais, a capital luguesa será o lugar no que se celebre o encontro Habitación Peregrina PRO, no que participarán ducias de profesionais do sector de diferentes puntos da península, e cuxo prazo de inscrición remata hoxe. 

Camiño Escena Norte, que conta co apoio da Xunta de Galicia a través da Axencia Galega das Industrias Culturais (Agadic), é un proxecto que, tomando como base a ruta histórica dos Camiños de Santiago do norte, ofrece ao longo de seis semanas, dez días máis que en anteriores edicións, toda unha extensa programación escénica, dirixida a todo tipo de públicos. Así, tanto a través da súa iniciativa itinerante Ciclo Constelacións, como doutras actividades paralelas, como é o caso dos encontros cos espectadores ou das actividades profesionais Cruzamentos e Habitación Peregrina PRO, pretende “impulsar, dinamizar e visualizar o labor das compañías galegas, asturianas, cántabras, vascas e navarras”.

Alén da actividade das compañías, desde o pasado 2023 a iniciativa propón proxectar fóra de cada comunidade as programacións locais no marco da iniciativa Vieiros: por segundo ano consecutivo, Camiño Escena Norte escolle o FIOT de Carballo como o evento cultural de Galicia destacado para poñer en valor nos outros catro territorios.


Publicidade

Ciclo Constelacións

Quince espectáculos, tres por territorio, conforman este ano o Ciclo Constelacións, unha programación itinerante de artes escénicas de corte xeneralista, que se ofrecerá en máis de 60 sedes, na que prevalece a diversidade de linguaxes, estéticas e formatos, tanto para público infantil como adulto; producións de teatro de texto, novo circo, danza e artes do movemento, creación contemporánea, espectáculos didácticos e experiencias site-specific.

Neste 2024, as compañías asturianas Adrián Conde Espectáculos, Teatro Plus e La Westia Producciones; as cántabras Ruth Garreta – El Conejo Salvaje e Hilo Producciones; as vascas Panta Rhei, Marie de Jongh, K. Producciones e Tanttaka Teatroa; e as navarras Yarleku – El Punto Gunea, Estefanía de Paz Asín e Pájaros Pintados Creación Teatral traerán a Galicia os seus espectáculos máis recentes.
Á vez, mentres que un total de 11 compañías visitarán ata o día 26 de outubro os escenarios do país, as galegas Ibuprofeno Teatro, Píscore-Culturactiva e Colectivo Glovo percorrerán 14 localidades de Asturias, Cantabria, Euskadi e Navarra no marco do Ciclo Constelacións. Ademais, a compañía Furia Sotelo participará na rede de estancias Cruzamentosque forman parte da programación paralela.
Deste xeito, o espectáculo de Ibuprofeno Teatro Deadpan Karaoke, creado por Patricia Rodríguez e Marián Bañobre, poderase ver en Alsasua, Castro Urdiales, Villaviciosa e San Vicente de la Barquera. A creación Molto Barroco, de Fran Rei, poderase ver da man de Píscore-Culturactiva en Avilés, Laredo, Mutriku, Tafalla e Sangüesa; mentres que Tabú, do Colectivo Glovo, estará en Oviedo, Bil¡bao, Zarautz e Los Corrales de Buelna. Esta última compañía tamén presentará en Pamplona a súa creación Alleo, no marco da colaboración, a través da iniciativa Vieiros, co festival Ribera en Danza.

Camiño Expandido

Camiño Escena Norte fai convivir o ciclo itinerante de funcións coa actividade paralela ao mesmo, nomeada Camiño Expandido. Dentro desta atópanse as accións de acompañamento para público do programa Cruzamentos, do encontro Habitación Peregrina PRO, da iniciativa Vieiros, do II Catálogo de Espectáculos Recomendados CEN, da Oficina CEN de Cooperación Escénica, do recurso web Mirando as constelacións e da colaboración coas escolas superiores de Arte Dramática dos cinco territorios.

Funcións de Camiño Escena Norte 2024 en Galicia

  • 13.09 | Santiago de Compostela (Praza das Praterías)
    Check Out, de Adrián Conde Espectáculos (AST)
  • 15.09 | Foz (Praza Conde de Fontao)
    By ò Bu. Aproximación al no existir, de Yarleku e El Punto Gunea (NAV)
  • 21.09 | Outes (Auditorio Casa da Cultura)
    La casa de los dedos, de Ruth Garreta e El Conejo Salvaje (CANT)
  • 27.09 | Vilalba (Auditorio Municipal Carmen Estévez)
    Anónimo. La vida de Lazarillo de Tormes y de sus fortunas y adversidades, de Hilo Producciones (CANT)
  • 28.09 | Sobrado dos Monxes (Mosteiro de Santa María)
    La osa estelar, de Panta Rhei (EUS)
  • 29.09 | Melide (Auditorio Municipal)
    Anónimo. La vida de Lazarillo de Tormes y de sus fortunas y adversidades, de Hilo Producciones (CANT)
  • 06.10 | Carballo (Pazo da Cultura) – Programación 33º FIOT
    Olvido Flores, de Estefanía de Paz Asín (NAV)
  • 12.10 | Vimianzo (Auditorio Municipal)
    El nadador de aguas abiertas, de K. Producciones e Tanttaka Teatroa (EUS)
  • 17.10 | Lugo (Auditorio Municipal Gustavo Freire)
    El nadador de aguas abiertas, de K. Producciones e Tanttaka Teatroa (EUS)
  • 18.10 | Ames (Auditorio Casa da Cultura do Milladoiro)
    Geometría del Alma, de Teatro Plus (AST)
  • 19.10 | Arzúa (Capela da Madanela)
    El jardín de Olivia, de Pájaros Pintados Creación Teatral (NAV)
  • 20.10 | Ribadeo (Auditorio Municipal Hernán Naval)
    Mr. Bo, de Marie de Jongh (EUS)
  • 24.10 | Viveiro (Teatro Municipal Pastor Díaz)
    Ada Byron: La tejedora de números, de La Westia Producciones (AST)

O proxecto

Camiño Escena Norte é un proxecto promovido polas asociacións profesionais de produtoras de artes escénicas Escena Galega (Galicia), EscenAsturias (Asturias), ACEPAE (Cantabria), Eskena (Euskadi) e ESNA (Navarra). Todas elas únense na supraentidade Camino Escena Norte Agrupación de Interese Económico, creada especificamente para o desenvolvemento, xestión e produción deste proxecto. En Galicia, ademais de coa da Agadic, tamén conta coa colaboración da Deputación Provincial de Lugo e do Concello de Lugo, e con Vegalsa-Eroski como patrocinador oficial.

Redacción

Redacción

Somos a erregueté | Revista Galega de Teatro.
A única publicación periódica que ten como obxecto as artes escénicas galegas dende 1983.

Deixa unha resposta

Avatar

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Lorena Conde e Pablo Reboleiro

O CDG convoca a selección de 22 intérpretes para a súa tempada 2024/2025

Debuxo infantil anónimo sobre a súa escola.

Volver ás aulas