in ,

Volver ás aulas

Debuxo infantil anónimo sobre a súa escola.
Debuxo infantil anónimo sobre a súa escola.

Comeza o curso e nós volvemos ao teatro.

Comeza o curso e, como boes alumnes, pensamos aplicar as leccións aprendidas durante o curso anterior, na nosa teima de progresar e avanzar cara a un futuro mellor.

Neste sentido, un dos nosos propósitos é o de lembrar a potencialidade divulgativa e didáctica do teatro. É importante o feito de lembrar esa característica que ten o teatro, porque decotío podemos ver como en entrevistas e publicidades varias aparecen programacións, compañías e proxectos que pretenden fuxir, dun xeito máis ou menos explícito, desta responsabilidade inherente.

Queiramos ou non asumila, a didáctica teatral existe e non só nas aulas, senón que os auditorios tamén se converten en aulas cando presentamos o noso punto de vista sobre algo enriba dun escenario.

Didáctica, do grego didaktikó, derivada de didáskō, é dicir “eu ensino”.

Eu ensino a miña proposta escénica e eu, sentade no patio de butacas, teño a capacidade de ver, escoitar, asimilar e mesmo aprender algo novo.

Por iso é tan importante que as artes escénicas estean comprometidas e sexan conscientes do que fan e de como o fan, xa que todes aprendemos con elas.

Das 221 funcións programadas para a tempada de outono que puidemos consultar nas carteleiras dos máis importantes teatros municipais galegos (Teatro Colón e Teatro Rosalía de Castro de A Coruña, Teatro Principal de Santiago, Teatro Jofre de Ferrol, Auditorio Gustavo Freire de Lugo, Teatro Principal de Ourense, Teatro Principal de Pontevedra, Auditorio do Concello de Vigo), festivais (FIOT de Carballo e FITO de Ourense) e salas alternativas (Teatro del Andamio de A Coruña, Sala Ártika e Teatro Ensalle de Vigo) tan só 5 pezas (si, 5) presentan contido abertamente LGTBIQ+.


Publicidade

5, de 221.

Algunhas revisan o asunto dende unha mirada feminista, como Feminíssimas de Ste Xeito; outras cuestionan o xénero dende a danza, como Ceibe de Fran Sieira; outras investigan sobre as relacións, como Brokeback Sabucedo (paixón entre as bestas), de Sal do Teatro; outras preséntano de xeito tanxencial, como Terceiro Acto, do Centro Dramático Galego; e mesmo hainas que veñen en castelán e traen os ecos da mitoloxía, como En mitad de tanto fuego, unha produción de Miramedia e o Festival Grec.

Mais seguen a ser 5, entre 221.

Non imos falar de números, porque falan por si mesmos. Será que no outono todas as maricas volvemos aos armarios, que xa sabemos que as pezas tinguidas coas cores do arco da vella son solo para o verán.

É preciso que tanto a produción escénica como a programación pública e privada fagan un esforzo consciente por abrir as salas de teatro á inclusividade, como puidemos ver na pasada tempada grazas a pezas como Nada se sabe do CDG ou Hellen Keller, a muller marabilla? de Chévere, ou a Primeira Xornada de Teatro Inclusivo na MITCF de Cangas do Morrazo.

Mentres isto non sexa así, os teatros non farán outra cousa que validar o discurso hexemónico do heteropatriarcado: unha falacia que pretende excluír da proxección toda a diversidade que existe no mundo real. E nós, seguiremos marxinades incluso na nosa propia casa, na casa de todes.

Comeza o curso e os teatros galegos, unha vez máis, elixen facer unha didáctica da exclusión e non da inclusión.

Avatar

Iván Fernández

Actor, director, dramaturgo e profesor de teatro. Graduado en Arte Dramática pola ESAD de Galicia, na especialidade de Dirección de Escena. O meu eido profesional abrengue o teatro en moi diversos aspectos, dende a docencia con menores e adultos ao campo terapéutico, atopando o teatro como un lugar onde mellor coñecerse a unhe mesme. Dende este aspecto, creo os obradoiros de Teatro Emocional en 2013 ou comezo a colaborar con impresións e crónicas sobre espectáculos na Erregueté, O Galiñeiro, Praza Pública ou a TVG, no programa "Zig Zag Diario".

Deixa unha resposta

Avatar

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Check Out Adrián Conde reducida

Camiño Escena Norte inicia a programación en Galicia da súa sexta edición

Territórios de Liberdade reducida

O Festival Internacional É-Aqui-in-Ócio celebra a súa 15ª edición