O Auditorio do Centro Ágora da Coruña acolle hoxe ás 19.00 horas a estrea de Bulebule, de Os Náufragos Teatro. A nova proposta da compañía de Gustavo del Río segue a liña de Hugo, Premio María Casares 2022 ao mellor espectáculo para á infancia, e aborda o Trastorno por Déficit de Atención e Hiperactividade (TDAH).
Sinopse
Candela e Bruno son as protagonistas da peza, dirixida a público infantil e familiar, a partir de 4 anos. “A Candela encántalle o mar e soña con ser a patroa dun barco que quere construír ela mesma. Chámana Bulebule porque non para un segundo: ten Trastorno por Déficit de Atención con Hiperactividade (TDAH). Bruno vive nun faro e sente paixón por compoñer música. A través da súa relación, a peza explora o valor da diversidade dando visibilidade ao TDAH. A obra amosa a ilusión e o tesón de Candela por acadar os seus soños, malia as dificultades que atopa por vivir nunha sociedade que non sempre entende a súa incansable enerxía e que non permite ás mulleres acceder a determinadas profesións”.
Liñas de traballo
Con Bulebule, Os Náufragos Teatro segue a liña de Hugo, unha peza que aborda o Trastorno do Espectro Autista (TEA) e que recibiu o recoñecemento do público e da crítica. En 2024 foi unha das quince propostas internacionais seleccionadas para participar no Festival internacional de artes escénicas para a infancia e a xuventude que promove ASSITEJ International, institución de referencia a nivel mundial no ámbito do teatro e das artes vivas para a infancia. Precisamente, en Bulebule, Jimmy Núñez (Bruno) repite como parte de elenco ao lado de Irene Lorenzo (Candela). A peza conta coa dramaturxia e dirección de Gustavo del Río, música de Daniel Valentín, espazo escénico de Claudia L. Franco e iluminación de Daniel Pais.
Os Náufragos Teatro é unha compañía afincada na Coruña cun amplo percorrido en escenarios galegos, españois e internacionais. Desenvolven proxectos adaptados a todo tipo de públicos que teñen a vontade de “concienciar e sensibilizar, dun xeito amable, sobre a crueza dos procesos de discriminación e desigualdade social”. Deste xeito, nas súas producións (Noso, Hugo, Karelu, Castrapo, Pura...) a compañía quere “dar visibilidade ás realidades dos colectivos máis vulnerables ou nas marxes, abordando temáticas como a discriminación por razón de identidade sexual, diversidade funcional, acoso escolar ou violencia intrafamilar”. A compañía busca así “apostar polo talento creativo galego e por tratar temas sociais cunha clara vocación de proximidade co público”.
O equipo
Elenco: Irene Lorenzo e Jimmy Núñez
Música: Daniel Valentín
Espazo escénico: Claudia L. Franco
Espazo iluminación: Daniel Pais
Construción escenografía: Luchi Iglesias
Coreografía: Adrao Casal
Axudantía de dirección: Rebeca Vecino
Axudantía de produción: Antonio Vázquez
Asesoría dramática: Verónica Rego
Dramaturxia e Dirección: Gustavo del Río
Agradecementos: Alicia Toba, Raquel Santalla, Confraría de Pescadores de Burela e Concello da Coruña