UNIMA Internacional, ONG asociada á UNESCO que integra proxectos a nivel global arredor do monicreque, acaba de facer pública a listaxe das persoas que obtiveron o seu Certificado de Recoñecemento pola Conservación do Patrimonio Titiriteiro. Dentro destas, atópanse os seis membros fundadores da Asociación Morreu o Demo, proxecto galego que traballa pola recuperación do monicreque tradicional do país e, en particular, do coñecido personaxe Barriga Verde. A entidade fai parte así desta listaxe que recoñece un total de 37 propostas de todo o mundo.
O comité destaca do traballo de Morreu o Demo “a gran contribución ao coñecemento e apreciación da arte da marioneta a través da recuperación da marioneta tradicional galega Barriga Verde, popularizándoa e dándoa a coñecer”. A asociación convértese así na primeira e, polo momento, única presenza galega nesta listaxe. Ao se entregar a persoas físicas, o recoñecemento recolle os nomes de Pilar Álvarez, Xulio Balado, Comba Campoi, German Ermida, Anxo García and Xaime Iglesias, persoas dedicadas á investigación e á divulgación do patrimonio titiriteiro galego que botaron a andar este proxecto en 2013.
Segundo indica UNIMA, este certificado “recoñece o traballo das persoas que ou ben teñen dedicado as súas vidas á protección, divulgación e/ou investigación do patrimonio das formas titiriteiras ou daqueles mozos que están traballando activamente protexendo, difundindo ou desenvolvendo o patrimonio titiriteiro e que amosan unha firme promesa de continuidade na investigación e expansión deste patrimonio”.
A cerimonia de entrega dos certificados terá lugar durante o Congreso de UNIMA en Chuncheon, Corea do Sur, en data e hora aínda por concretar. A concesión do Certificado, sen dotación económica, implica tamén unha entrada na Enciclopedia Mundial da Marioneta (WEPA), base de datos que recolle as principais iniciativas arredor dos monicreques no contexto internacional.
Morreu o Demo naceu en 2013 da man dun grupo de persoas dedicadas á arte dos monicreques e á investigación deste patrimonio. Desde entón, desenvolveu publicacións como a do DVD Morreu o Demo, acabouse a peseta, a exposición Barriga Verde. De feira en feira, que acumulou máis de 15.000 visitas en diferentes localidades galegas e foráneas, ou o proxecto didáctico Da Barraca á Aula, que achega o monicreque tradicional a centros de ensino de todo o país desde 2019.
Ademais, desenvolve desde o ano 2016 o festival Titiriberia, único da Península centrado no monicreque tradicional, radicado actualmente en Rianxo. No marco deste promoveu a creación de espectáculos de títeres tradicionais da man de diversas compañías galegas, a apoiar a recuperación de diferentes versións de Barriga Verde actualmente en activo. Canda a accións formativas para profesionais do sector, no marco da Escola de Títeres Barriga Verde, a Asociación programa tamén a presenza da recreación da Barraca de Barriga Verde vencellada a diferentes feiras e festas populares, como a Feira Cabalar de Francos, en Teo, ou as Festas da Ascensión en Santiago de Compostela. Ademais desenvolve diferentes iniciativas de recuperación da memoria sobre o monicreque tradicional e as feiras populares.
Barriga Verde foi o monicreque máis popular da Galiza no século XX. Da man da familia Silvent percorreu feiras e festas de todo o país entre os anos 10 e os anos 60. Esta mostra única de expresión teatral en galego quedou na memoria de varias xeracións con expresións como “Morreu o Demo, acabouse a peseta”. Ademais, supón a forma autóctona propia dunha antiga tradición de monicreques que se estende por toda Europa con personaxes como Guignol, Punch ou Pulcinella. A colaboración da familia Silvent, que custodia aínda as pezas orixinais do espectáculo, resultou imprescindible para desenvolver o traballo de recuperación da Asociación Morreu o Demo, como explican dende a propia entidade.
Canda á proposta galega, UNIMA recoñeceu cinco proxectos estatais (o Betlem de Tirisiti, o Centre de Documentació i Museu de les Arts Escèniques (MAE), La Tina Norica de Pepe Bable e mais o traballo dos investigadores e divulgadores Francisco J. Cornejo Vega e Toni Rumbau, director da publicación especializada Titeresante. En Portugal, a listaxe incorpora o proxecto que mantén con vida os tradicionais Bonecos de Santo Aleixo.
Lucile Bodson (Francia), Kathy Foley (EEUU), Idoya Otegui (España), Dadi Pudumjee (India) e Nancy Staub (EEUU) conformaron o comité de selección que emitiu estes certificados. En 2015 UNIMA lanzara unha primeira versión dos mesmos cos que galardoara tres iniciativas de patrimonio titiriteiro. A reactivación destes galardóns iniciouse cunha convocatoria de candidaturas o pasado mes de marzo de 2024, e a resolución dos mesmos realizouse o pasado 12 de setembro. A intención de UNIMA é actualizar a lista de homenaxeados cada dous anos.