O Festival Internacional Outono de Teatro, FIOT, de Carballo bota o pano da súa 33ª edición hoxe, xoves, 31 de outubro, ás 21.00 horas, no Auditorio do Pazo da Cultura, coa estrea en Galicia de Vania x Vania (versión 1), de Teatro Kamikaze. As entradas para a función están xa esgotadas.
Antes da representación do espectáculo, as persoas espectadoras poderán asistir a unha conversa co reparto nunha nova sesión da Escola do Espectador nas Ondas de Onda FIOT, guiada polo xornalista Pablo Giraldo, nunha entrevista aberta ao público que se gravará, tamén, en podcast, e que terá lugar mañá xoves, ás 18.30 horas, na Sala de Exposicións do Pazo da Cultura de Carballo.
O espectáculo
“Un campesiño ruso de finais do século XIX, namorado e profundamente infeliz. Pasou toda a súa vida coidando da finca que herdou e interpretando o papel que os demais decidiron para el ata que un día explota. Escápaselle o tempo. Todos viven nun verán eterno no que o tempo se disolve, inundados de aburrimento, de frustracións, de amor non correspondido.
O director Pablo Remón volve a Tío Vania, unha obra mestra da literatura e do teatro, para falarnos da familia, das relacións e, sobre todo, de desexos insatisfeitos e soños incumpridos. Quen es?, Como elixes vivir a túa vida? É a túa vida unha comedia ou unha traxedia?
Vania x Vania (versión 1) forma parte do ambicioso e interesante proxecto Vania x Vania, composto por dúas obras interpretadas polos mesmos actores. Dous camiños diferentes ao mesmo texto de Chéjov, reescritos en estilos completamente distintos polo Premio Nacional de Literatura Dramática 2021 Pablo Remón.
Un escenario baleiro e seis cadeiras. Esta “versión 1″ é un Chéjov espido, esencial. Un achegamento minimalista ao texto e á interpretación, a cargo dun reparto de auténtico luxo, con seis extraordinarios actores encabezados por Javier Cámara, recoñecido coa Medalla ao Mérito nas Belas Artes, ademais de numerosos premios. Canda el, completan o reparto uns exquisitos Israel Elejalde, Marta Nieto, Marina Salas, Juan Codina e Manuela Paso”.