in

Camiño Escena Norte fai balance dunha “edición de resistencia”

Comezara como a máis expansiva pero viuse afectada pola perda da axuda do Ministerio de Cultura e o recorte na do INAEM

A galega Ibuprofeno Teatro en Alsasua © Daniel Fernández
Ibuprofeno Teatro en Alsasua. Foto de Daniel Fernández.

Despois de finalizar o pasado 27 de outubro a súa sexta edición, Camiño Escena Norte (CEN), o programa de intercambio cultural no que participan 15 compañías de danza e artes do movemento, teatro e novo circo de Galicia, Asturias, Cantabria, Euskadi e Navarra, fai un balance da mesma. A que comezou como a edición máis expansiva finalizou no que definen como “unha edición de resistencia”, debido á exclusión do proxecto das Ayudas para la acción y la promoción cultural do Ministerio de Cultura, e á diminución en máis dun 50 % da axuda da convocatoria de teatro e circo do Instituto Nacional de las Artes Escénicas y de la Música (INAEM). Explican que as resolucións, coñecidas cando xa arrincara a programación, “obrigaron a cancelar quince funcións do Ciclo Constelacións e suspender o proxecto Cruzamentos, ademais de poñer en perigo a continuidade da Oficina CEN de Cooperación Escénica”.

Antecedentes

Camiño Escena Norte presentaba en 2024 a súa edición máis expansiva, cun incremento de sedes, estreando proxectos e extensións en máis de 60 localidades en Galicia, Asturias, Cantabria, Euskadi e Navarra. Na edición de 2023, o proxecto fora o segundo máis valorado dos 500 presentados ás Ayudas para la acción y la promoción cultural do Ministerio de Cultura. Porén, cando a edición de 2024 xa comezara, chegaron as resolucións provisionais tanto das devanditas axudas como da convocatoria de teatro e circo do INAEM, nas que viron “que o aplaudido proxecto de Camiño Escena Norte quedaba fóra da axuda ministerial e vía reducida en máis dun 50 % a achega do INAEM, cun recorte global, no financiamento estatal respecto ao 2023, de 73.530,20 euros”.

Este “pau económico” fixo que a organización de CEN tomase “varias decisións drásticas” para poder continuar coa sexta edición (coa programación xa presentada e iniciada): “a cancelación de 15 funcións do Ciclo Constelacións (unha por compañía e tres por comunidade), a suspensión do proxecto Cruzamentos (no que estaban implicadas catro compañías) e a anulación da colaboración coa Asociación Te Veo de Artes Escénicas para la Infancia y la  Juventud”. Ademais, a situación “obrigou tamén a suspender a actividade da Oficina CEN de Cooperación Escénica e pon en perigo a súa continuidade”. Dese xeito, “o traballo de CEN centrouse en ofrecer tanto ás compañías como aos públicos unha edición de resistencia, para non cancelar o programa como sucedeu con outros proxectos de artes escénicas debido á forte caída nas subvencións estatais”.

Os públicos de quince localidades quedaron sen poder gozar da programación CEN: “en Galicia afectou as funcións programadas en Sobrado dos Monxes, Ames e Ribadeo; en Asturias canceláronse espectáculos en Soto del Barco, Vegadeo e Corvera; en Cantabria anulouse a programación de Castro Urdiales, Solares e Los Corrales de Buelna; en Euskadi, CEN non chegou ás salas de Muskiz, Zumaia e Eibar e, en Navarra, o recorte afectou ao programa en Tafalla, Villava e Azagra”. Esta situación foi “especialmente dolorosa” para a organización, porque, segundo expresan, “un dos éxitos do proxecto foi a relación  directa cos públicos, xa que desde a primeira edición, CEN apostou porque o artístico non quedase limitado ao espazo escénico, e que compañías e espectadores dialogasen e intercambiasen experiencias posfunción”.

“Outra das liñas que resultou danada pola decisión ministerial foi o programa Cruzamentos, un dos piares do CEN”, engaden. Nesta rede de estancias de intercambio escénico, artístico e profesional ían participar este ano os vascos Hika Teatroa xunto á compañía navarra Led Silhouette (no Centro Cultural Egia de Donostia), e a compañía galega Furia Sotelo en colaboración cos cántabros Babirusa Danza (na Casa Vella, Amiadoso, Ourense). Estes proxectos quedaron suspendidos este ano, mais a organización de Camiño Escena Norte avanza que está “a buscar vías de financiamento para os mesmos de cara ao ano 2025”.


Publicidade

Camiño Escena Norte aproveitou o balance que fixo arredor da súa sexta edición para expresar que “o actual sistema de subvencións no ámbito estatal, a súa falta de continuidade cos proxectos e os seus prazos de resolución e execución, fan inviable non só o crecemento, senón a propia estabilidade de iniciativas como esta”. Ao tempo, quixo agradecer o compromiso co proxecto das asociacións profesionais, patrocinadores e resto de entidades que o financian nas cinco comunidades de Camiño Escena Norte.

Este 2024, o proxecto contou co apoio económico da Xunta de Galicia, a través da Axencia Galega das Industrias Culturais (Agadic); Gobierno del Principado de Asturias; Gobierno de Cantabria; Eusko Jaurlaritza; Arabako Foru Aldundia, Bizkaiko Foru Aldundia; Gipuzkoako Foru Aldundia; e  Nafarroako Gobernua. No ámbito institucional, colaboraron tamén a Deputación Provincial de Lugo e o Concello de Lugo. Vegalsa-Eroski  mantívose como patrocinador oficial e a Fundación Camino Lebaniego (Cantabria) incorporouse ao patrocinio do proxecto. A todas estas entidades, así como ás decenas de localidades que acollen a programación, Camiño Escena Norte agradece o seu apoio real e consistente, que foi fundamental para o mantemento da programación, e non sufrir a mesma sorte que outros proxectos que se viron obrigados a cancelar a súa actividade.

As asociacións profesionais de produtoras de artes escénicas promotoras de Camiño Escena Norte entran agora nun período de reflexión sobre o proxecto, aínda que o obxectivo de Escena Galega (Galicia), EscenAsturias (Asturias), ACEPAE (Cantabria), Eskena (Euskadi) e ESNA (Navarra) é continuar co programa. Con todo, non poden ocultar a súa frustración e tristeza pola falta de compromiso estatal cun proxecto que, desde 2019, levou o teatro, a danza e as artes do movemento e o novo circo a escenarios afastados dos circuítos habituais, ofrecendo a oportunidade de acceder á cultura a públicos de municipios sen acceso a este tipo de espectáculos.

Redacción

Redacción

Somos a erregueté | Revista Galega de Teatro.
A única publicación periódica que ten como obxecto as artes escénicas galegas dende 1983.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

AveLina Carlos Andrea collage erregueté

AveLina Pérez, Carlos Labraña e Andrea Cid Freire gañan os premios de literatura dramática da Agadic

Una parte de mi, de O último momento, na Feria de Teatro de Castilla León

Una parte de mí