O pasado mes de outubro tivo lugar a lección inaugural do curso 2024-25 na ESAD de Galicia e o acto de nomeamento dunha aula, por segundo ano consecutivo. Despois da Aula Ana Vallés, o curso pasado, a Escola conta, para o bo recordo e xusta homenaxe de profesionais referentes, tamén de futuras xeracións, coa aula Chévere.
Un programa de actividades coma este marcan moito á comunidade escolar. A participación entre todo o alumnado e profesorado, dende a produción ata a instalación audiovisual con pezas e entrevistas á compañía, así como o coloquio guiado por Vanesa Sotelo e Daniel Salgado, foron dun valor pedagóxico e dun valor cultural que dificilmente atopamos no día da día das institucións culturais ou educativas, con prácticas escasamente colaborativas. Xesús Ron e Patricia de Lorenzo prepararon unha ponencia teatral con fragmentos da súa peza-recopilatorio Pequenas mentiras para contar grandes verdades e compartiron inquedanzas cun auditorio ateigado. Toda a estrutura do acto serviu para coñecer mellor a historia e o método de traballo dunha compañía que levou sempre o activismo, a persistencia e o respecto pola lingua e o territorio como bandeira. Foi elocuente como explicou Patricia de Lorenzo, diante da comunidade escolar, que sendo neofalante, posto que na Coruña a súa lingua sempre foi o castelán, cando decide traballar profesionalmente no teatro galego, a súa autoesixencia de aprendizaxe da oralidade da lingua, á par da técnica vocal, foi fundamental como ferramenta indiscutible para a creación das súas personaxes. Todo se aprende, todo se adestra e toda ferramenta expresiva se pode afinar ata niveis de excelencia, por suposto tamén a oralidade do idioma propio, que tan paradigmáticos traballos nos deixa a partir da observación e o estudo. Unha gran lección. Esforzo, respecto, consciencia, compromiso.
Chévere sempre tivo no seu ADN a inquedanza social, popular, de exploración das fronteiras e das etiquetas, do emprendemento contracultural ou paródico, do interdisciplinar, da documentación e da inclusión. Naceron inventando xéneros escénicos propios coma a algarabía teatral, versións cómic ou telenovelas de rúa ata o seu selo máis recoñecido das ultranoites (entre a revista, o musical e o trush). Creron na capacidade de risco e no carácter expansivo da arte na sociedade, coma aquel Congreso Internacional de Monstros do ano 1990 durante tres días en varios puntos da cidade de Santiago de Compostela. Ligaron teatro e ciencia, teatro e comercio, teatro e medio natural, teatro e transmedia, teatro e cultura popular, teatro e inclusión, teatro e mocidade, teatro e televisión. Foron espectáculo anfibio e incubadora cultural, son teatro político e transversal. Nunha sociedade hiper estimulada, competitiva e individualista, amosaron outros valores alternativos coa súa práctica cultural e mediadora. Non sucumbiron ao desafecto nunca, malia as hostilidades, nin se resignaron á precariedade. Remedios Zafra pregúntase no seu último libro, El informe, ¿que está en xogo se o traballo intelectual segue cedendo á burocracia? ¿Quen perturbará ás persoas para recordarlles que son persoas? ¿Quen intentará cambiar pesimismo por crítica, resignación por vínculos? Os Chévere, sen dúbida, son unha vía.
Deste xeito remataba a miña presentación da compañía neste acto. Quixen honrar tamén e presentar así ao colectivo que tanto admiro e do que tantos aprendemos non só no plano creativo senón tamén na práctica da xestión creativa, facendo un breve percorrido contextual ou histórico, pero tamén unha breve creación que me gustaría compartir neste medio. A experiencia acumulada lévanos a valorar moito os pequenos obsequios que nos deixan oportunidades coma esta, que serven tanto para o plano afectivo e ritual do recoñecemento público coma para o que poden alentar. O meu pequeno e humilde obsequio para Chévere e para a comunidade escolar foi esta reescrita do manifesto da súa Sala Nasa, en 1993, unha reinterpretación á calor dos nosos días. Velaquí a Cheverespeleoloxía 1993 – 2004:
Chévere é un grupo non unha marca de perfumerías
é unha compañía de axitación teatral non un casino
que sostén non queima
un colectivo non un ego
galego non australiano
artístico non burocrático
con e non contra
unha ollada crítica non banal
plural non sectaria
e diversa non resignada
da cultura galega non acomplexada
do teatro non anestesiado
e do pobo non dogmatizado
pensado non acoplado
coma un fogar non unha esmola
comunitario non de privilexios
e de compromiso non de equidistancias
para a xente non consumidores
e visitantes non turistas paracaidistas
Chévere é unha discrepancia non unha impostura
porque replica non asente
toda a disciplina institucional non as estruturas
con e non contra
unha acción non unha relixión
idealista non resignada
Chévere é un aturuxo non un Land Rover
profesional non precario
de creadores non vasalos
unidos non uniformados
que cantan non menten
un territorio non unha propiedade
e unha identidade non unha negación
para expresar sen censuras
é un laboratorio non unha furna
de relacións culturais non un mercado de fariña.