in ,

Antoloxía de Nova Galega de Danza no Teatro Colón da Coruña en xaneiro

A compañía, baixo a dirección artística de Jaime Pablo Díaz, bota o pano da celebración do seu 20 aniversario -iniciada a finais de 2023- cun fito único na cidade herculina: o Teatro Colón acollerá tres noites seguidas, do 17 ao 19 de xaneiro de 2025, ás 20.00h, as pezas de danza ‘Leira’, ‘Berro’ e ‘Dique’

'Berro' de NGD
'Berro' de NGD

A compañía Nova Galega de Danza, baixo a dirección artística de Jaime Pablo Díaz, desembarca na Coruña este mes de xaneiro para presentar no Teatro Colón un fito único: unha antoloxía con tres das súas pezas máis celebradas e recentes: Leira, Berro e Dique. Nesta ‘Antoloxía de Nova Galega de Danza’, a muller toma centro do escenario nunha viaxe a través da terra, a raíz, a memoria, a tradición, a resiliencia, o empoderamento e a fortaleza. Serán tres noites máxicas nunha mesma fin de semana na cidade herculina que, de seguro, pasarán a formar parte da historia da danza na cidade.

Con esta iniciativa, que é posible grazas á colaboración da Deputación da Coruña, a compañía botará o pano da celebración do seu 20 aniversario, iniciada a finais de 2023. As entradas para a iniciativa son de balde ata completar a capacidade da sala, coa retirada previa dos convites para cada un dos tres espectáculos xa dispoñible a través da plataforma online Ataquilla.

SOBRE OS ESPECTÁCULOS DA ‘ANTOLOXÍA DE NGD NA CORUÑA’

Leira

Venres 17 de xaneiro, 20.00h

O corpo e a terra estreitan os seus lazos nun espectáculo de danza e música que nos transporta á dura beleza dos labores do campo. A muller no centro desta conexión telúrica. Día e noite, xornada tras xornada, repetida nunha sucesión inesgotable de estacións. O sol e a choiva, o vento xeado, crúas paisaxes de intemperie, habitadas unicamente por unha coreografía humana de apeiro de labranza, de corpos que cargan e arrastran, que danzan entre os surcos arados na terra. Pero Leira é tamén a sinxela alegría do traballo feito coas mans, coa valentía do corpo a corpo; é a celebración dunha Galicia intemporal e máxica. O espectáculo foi galardoado co Premio Max ao mellor intérprete masculino de danza -Iván Villar- en 2021, na XXIV edición dos premios, onde foi tamén finalista como mellor espectáculo de danza.

Berro

Sábado 18 de xaneiro, 20.00h

Berro representa o baleiro que supón ser individuos sós e illados nunha sociedade sen memoria, que debe procurar o movemento que lle lembre o seu pasado. Nunha viaxe que conecta os estados emocionais, a peza amosa a importancia de recuperar esa esencia ancestral -a tradición, a terra, a raíz, a familia e a casa- a través da experiencia colectiva, sentindo a transformación na expresión do corpo.

Dique

Domingo 19 de xaneiro, 20.00h


Publicidade

Dique nace do desexo do director artístico de Nova Galega de Danza, Jaime Pablo Díaz, de recuperar unha historia esquecida. É un espectáculo arredor da memoria local, con raíces no Ferrol natal de Nova Galega de Danza. Unha creación de homenaxe e de reflexión actual a partir da historia. Unha peza universal que fusiona o baile tradicional e a linguaxe contemporánea, característica que desde sempre forma parte da identidade da compañía.

Poucas persoas saben que a obra de enxeñería hidráulica máis importante do século XIX en España foi escavada por mulleres. Entre 1874 e 1879 executouse a construción do Dique da Campá de Ferrol. Alí, un total de 200 mulleres retiraron 245.000 metros cúbicos de terra e pedras que transportaron en 11.600.000 cestos sobre as súas cabezas -58.000 cada unha delas-. Eran “as estibadoras”. E, polo mesmo traballo, cobraban menos ca os homes.

No 150 aniversario do inicio da súa construción, Nova Galega de Danza convidou á directora de escena Marta Pazos a realizar a súa homenaxe a aquela xesta. Dique pon en diálogo a danza contemporánea e a danza tradicional galega nunha conversa que reflicte a conexión entre o pasado e o presente. Un xogo de cores, texturas e contrastes sobe á escena para ofrecer un desafío visual único. A peza explora os límites da forza mentres o telúrico se apodera da escena. En Dique hai resistencia e esforzo, pero afloran, tamén, a delicadeza e o lixeiro.

SOBRE NOVA GALEGA DE DANZA

Nova Galega de Danza fusiona en vivo danza e música de raíz galega. Bebe da tradición e da vangarda cunha vocación universal, abrindo unha liña de traballo única ao redor da danza en Galicia. Unha liña que é quen de se aproximar á tradición desde unha ollada contemporánea que lle permite transcender a vivencia tradicional do folclore e darlle un novo sentir. Nos seus xa máis de 20 anos de traxectoria, baixo a dirección de Jaime Pablo Díaz, produciu once espectáculos: Dique (2024), Berro (2023), Credo (2022), Galicia Camiña (2022), Leira (2020), Son (2016), Dez (2013), Ser e Terra (2010), Tradición (2008), Engado (2006) e Alento (2003).

Entre os galardóns recibidos por NGD destacan o Premio da Cultura Galega en 2021, a Insignia de Ouro do Concello de Ferrol en 2021, o Premio Max 2021 ao mellor intérprete masculino de danza para Iván Villar, o Premio do Público nas edicións de 2020 e 2016 da MIT de Ribadavia, o Premio da Crítica de Galicia no apartado de Ciencias e Artes da Representación en 2009, o 2o Premio no I Certame de Creación Coreográfica de Galicia en 2003 e o 4o Premio na I Maratón de Danza de Madrid en 2002.

FUNCIÓNS ‘ANTOLOXÍA NOVA GALEGA DE DANZA NA CORUÑA’

Leira | Venres 17 de xaneiro | Teatro Colón | 20.00 horas

Berro | Sábado 18 de xaneiro | Teatro Colón | 20.00 horas

Dique | Domingo 19 de xaneiro | Teatro Colón | 20.00 horas

Redacción

Redacción

Somos a erregueté | Revista Galega de Teatro.
A única publicación periódica que ten como obxecto as artes escénicas galegas dende 1983.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Imaxe do espectáculo "Metodoloxías carroñeras para corpos invertidos", de VACAburra. Fotografía de Manuel G Vicente.

E Q+?