Tiven a oportunidade de asistir a unha función de La lengua incompleta, de La Família Política, o día 23 de agosto no marco da Feria de Teatro de Castilla y León, na vila de Ciudad Rodrigo.
O espectáculo consegue, con só dúas actrices e unha boa dose de trauma xeracional, apelar ao espectador e apelar ás dores presentes no seu corpo antes incluso de que este se formara. La lengua incompleta consegue tecer unha serie de temáticas, como a memoria histórica, as linguas minorizadas, a maternidade e a destrución do medio ambiente, mediante o encontro dunha nai e unha filla na aldea natal destas. A pesar desta diversidade temática, que pode resultar incluso caótica, La Família Política acha os puntos en común entre estas cuestións para ofertarnos unha experiencia harmónica e emotiva durante o espectáculo.
A peza abre preguntas sobre os personaxes e o seu contexto que nunca chega a resolver. Pode parecer algo negativo, pero este feito achega máis a historia a nós, xa que nós tampouco saberemos nunca todas as preguntas que nos xurdan sobre a nosa familia e sobre o medio que habitamos. Ademais, deste xeito, La lengua incompleta fica no noso pensamento tempo despois do espectáculo, mentres intentamos resolver estes misterios que nos foi introducindo.
Podemos destacar o traballo realizado por ambas actrices, Mertxe Aguilar e Isabel Requena, cuxa conexión é trasladada perfectamente aos espectadores. A iluminación, de Diego Sánchez, acompaña a ambas actrices e guía o público grazas ás atmosferas xeradas, en conxunto co especial espazo sonoro, feito en directo, e que dota de personalidade o espectáculo.
En conclusión, La lengua incompleta é un espectáculo feito con agarimo, honestidade e coidado, e que consegue conmover ao espectador grazas á súa historia, aparentemente sinxela, pero que nos deixa con interrogantes, e con certa calor na pel.