in

Influencers

A influencia teatral para escachar a burbulla dixital

'Influencers' da Cía. NegroLópez. Foto: Míriam Rodríguez.
'Influencers' da Cía. NegroLópez. Foto: Míriam Rodríguez.

O Día dos Namorados, 14 de febreiro de 2025, foi a “estrea mundial” de INFLUENCERS da Cía. NegroLópez (Iván Davila e Brais Iriarte), con dirección de Chiqui Pereira (Berrobambán) en Vigocultura, no Auditorio Municipal de Vigo.

Hoxe en día hai moito namorado das pantalliñas, xa sexa do teléfono, da tableta ou do computador. A atracción do mundo dixital, que usa a “filter bubble” (o algoritmo que filtra todo aquilo que nos gusta, illándonos nunha burbulla), cativa a calquera que se deixe e que non se decate. O mesmo pretenden facer as/os “influencers” dixitais, non estes do espectáculo da Cía. NegroLopez, que veñen inchar a burbulla para facela rebentar mentres escachamos de risa. A burbulla que fai que a vida a pé de rúa, esa que chamamos “vida real”, sempre vai ser menos atractiva e rechamante que a dixital.

Estes, os da Cía. NegroLópez, ofrécennos un show cómico, con estrutura e formato de concurso de televisión, en plan “talent show”: “Elo Máis Influencer Race Spain”, empregando un xogo de palabras referido ao magnate estadounidense Elon Musk, outro personaxe deses de armas tomar, e non vai ser o único, para abranguer a fauna dos máis variados e rimbombantes “influencers”: youtubers, tiktokers, instagramers etc. Polo escenario e pola pantalla que hai nel aparece a galería “freak” destes personaxes da esfera dixital, desde o “CriptoBro” coa carauta de Donald Trump, até a bruxa dixital que pretende enfeitizarnos cos seus “mantras” rocambolescos, pasando polo Youtuber que promociona unha vida sa, con exercicios de ximnasia e entoación de boa persoa. Trátase de clixés ou máscaras que representan as actitudes estereotipadas coas que esas persoas se transforman en personaxes mediáticos que intentan chamar a atención dunha audiencia crecente. O mundo da pose e da imaxe para atrapar nas súas redes canta máis xente mellor. Hai votación no concurso e hai “bulos” e negación da votación por parte de quen perde e, claro está, hai moitos gags, de tal xeito que todo resoa respecto ao que acontece na actualidade, tan influenciada polas maquinacións que se tecen e orquestran desde a esfera dixital.


Publicidade

A chave da comicidade deste espectáculo está na parodia da competitividade “influencer” e na habelencia circense da tríade formada por Brais Iriarte, Iván Davila e Elsa Comesaña para xogar con axilidade e bo ritmo diferentes tipos, en combinación cun dispositivo audiovisual no que pantallas e mundo virtual son fundamentais.

Rimos, pasámolo ben e até pensamos un pouco en cantas horas de vida real nos rouban os contidos dixitais, ou até que punto nos influencian, nós que somos público de teatro e amantes das artes vivas.

Influencers, da Cía. NegroLópez

Dirección e dramaturxia: Chiqui Pereira

Dirección de movemento: Pablo Sánchez

Elenco: Elsa Comesaña, Iván Davila, Brais Iriarte e a colaboración especial de Pablo Meixe

Música e espazo sonoro: Brais Iriarte

Produción: Iván Davila

Deseño de escenografía, iluminación e vestiario: Nononon.Lab

Audiovisuais: Le BarLuthier e NegroLópez

Músico de estudo: Malena García (bombardino), Chucho González (Percusión) e Iago Ramilo (saxo)

Vigocultura. Auditorio Municipal de Vigo, 14 de febreiro de 2025. Estrea.

Afonso Becerra

Afonso Becerra

Director da erregueté | Revista Galega de Teatro. Pertence ao seu Consello de Redacción desde o 2006. Doutor en Artes Escénicas pola Universitat Autònoma de Barcelona. Titulado Superior en Dirección escénica e dramaturxia polo Institut del Teatre de Barcelona. Titulado en Interpretación polo ITAE de Asturies. Dramaturgo e director de escena. Exerce a docencia en dramaturxia e escrita dramática na ESAD de Galiza desde o ano 2005. É colaborador, entre outras publicacións, de revistas de cultura e artes performativas como 'ARTEZBLAI', 'Primer Acto', 'Danza en escena', 'Tempos Novos', 'Grial'. Entre setembro de 2019 e xuño de 2021 foi colaborador especialista en artes escénicas da CRTVG, no programa 'ZIGZAG' da TVG. Desde setembro de 2022 é colaborador semanal sobre artes escénicas do 'DIARIO CULTURAL' da RADIO GALEGA.
Premio Álvaro Cunqueiro da Xunta de Galicia en 2001. Premio María Casares á Mellor Adaptación teatral en 2016. Premio de Honra do Festival de Teatro Galego, FETEGA, do Carballiño (Ourense) en 2020. Premio Internacional de Xornalismo Carlos Porto 2024, de prensa especializada, do Festival de Almada, organizado pola Câmara Municipal de Almada, do que tamén recibira unha Mención Honrosa en 2020.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

iXa Danza

Xián Martínez fai a estrea galega de ‘NIK·EU 2.0’ en Vigocultura

Estrea Medea-Mamá-Monstro

Helena Varela e Laura Porto presentan ‘Medea-Mamá-Monstro’ en Clásicas Desfeitas