Os días vernes 21, sábado 22 e domingo 23 de marzo ás 20 horas, no Teatro Ensalle (Rúa Chile 15, baixo, Vigo) a estrea do novo traballo da compañía homónima. Baleiro é a 27ª produción deste colectivo escénico de longo percorrido.
Na creación do proxecto atópanse os habituais Raquel Hernández, Pedro Fresneda e Artús Rei integrantes de Ensalle xunto a Juan Navarro, performer, director escénico barcelonés e creador na escena teatral estatal contemporánea desde a década dos noventa, e aliado habitual en compañías como La Carnicería Teatro de Rodrigo García e a Needcompany de Jan Lauwers. Baleiro é o segundo proxecto no que Ensalle e Navarro traballan xuntos.
Segundo o colectivo “a peza toma o baleiro como espazo posible, dispoñible para descubrir o que nel acontece, para entender cal é a súa contemporaneidade, para indagar nese lugar xeográfico. Atender á potencialidade dos espazos que aparecen cando algo ou alguén protagoniza un proceso de baleirado. O espazo que aparece é en si mesmo unha posibilidade creativa”.