O Titiriberia: Festival de títeres tradicionais, organizado pola asociación Morreu o Demo co apoio do Concello de Rianxo, a Xunta de Galicia, a Deputación da Coruña e o INAEM, inaugura hoxe en Rianxo a súa décima edición, que se desenvolverá ata o vindeiro domino, 17 de agosto. Este ano, o programa incluirá unha trintena de espectáculos da man de 19 compañías procedentes de Galicia, Portugal, Euskadi, Navarra, Aragón e Valencia. A actividade arrinca cunha primeira xornada que incluirá tres espectáculos, a inauguración da exposición sobre Os monicreques de Kukas e apertura da Feira Vella no campo de arriba.
Ás 11.00 horas principiará a programación en Campo Maneiro coa obra Basoa, espectáculo para a cativada da compañía navarra Firulete. A obra presenta a Uxue, que está preocupada pola súa avoa perdida. Para pedir axuda, Uxue métese no bosque e encóntrase con seres mitolóxicos que lle irán ensinando diferentes leccións.
Ás 12.00 horas desenvolverase unha posta en escena do espectáculo A festa dos títeres, un pasarrúas producido polo propio festival no que participan o grupo musical Vai de Roda, así como tamén as compañías galegas Títeres Alakrán, co seu Barriga Verde Xigante, e Viravolta, cos seus cabezudos. Trátase dun espectáculo itinerante que, ademais de animar a vila, representa historias populares a través desta tradicional forma escénica. O punto de partida é o Auditorio de Rianxo.
Entre as 12 e as 14 horas, celebrarase a primeira sesión de xogos populares na Feira Vella, que se instalará un ano máis no Campo de Arriba. Seguindo a liña de recuperación de negocios de rúa e antigas feiras, Titiriberia propón a recreación dunha feira tradicional na vila de Rianxo. Reunirá unha colección de xogos populares e atraccións tradicionais de feira que estarán a disposición do público. Animacións como a ra e o pimpampún, os autómatas KINETIKO e máis xogos estarán a disposición do público de xeito gratuíto e con animación a cargo de voluntariado e persoal da asociación.
Xa pola tarde, ás 19.30 horas, inaugurarase a exposición de Os Monicreques de Kukas no Auditorio. Os integrantes desta compañía Marcelino de Santiago (Kukas) e Isabel Rey, realizarán un repaso das pezas presentes na exposición dedicada á súa carreira, que abrangue máis de 45 anos de traxectoria. Alén do contexto de cada produción, neste percorrido darán a coñecer as dificultades técnicas, a intención expresiva e as anécdotas vencelladas a cada un dos elementos presentes.
A xornada concluirá ás 21.00 horas no Auditorio de Rianxo, coa función Esperta o rinoceronte, da compañía galega Nao Caracola. A obra trata de Bambú, quen leva unha vida apracible e goza da súa contorna, que coñece e ama. Isto ensinoullo a súa avoa. Grazas a ela, “Bambú sabe que as cousas que realmente importan non sempre son as que brillan, que só vemos ben co corazón e que non importa o grande que sexa o obstáculo, sempre hai unha solución”.
- O festival internacional Galicia Magic Fest está a celebrar a súa novena edición - 03/01/2026
- Falece o actor Miquel Insua - 31/12/2025
- ButacaZero despide ‘IRIBARNE’ - 30/12/2025



