O Festival Internacional de Outono de Teatro, FIOT, de Carballo vén de dar a coñecer os nomes dos espectáculos experimentais de pequeno formato que foron seleccionados como finalistas da IX edición do Certame de Micro-Escenas Metro Cadrado. Poderán verse o vindeiro mes de outubro durante a celebración da 34º edición do festival.
Entre as 25 propostas recibidas, as 6 pezas seleccionadas (das cales, 5 serán estreas absolutas) son: Domitila, de Amparo Martínez; Só son unha moza com rabia, de Silvia Bátega; O novo, de Dani Blanco; Covers, de Corifeo Teatro; Alicia Wants To, de Bengala Teatro; e Gracias por su visita, de Uxía Algarra. Trátase de propostas “que xogan coas artes do movemento, o teatro físico, o teatro de obxectos, o teatro inmersivo, o teatro-clown, a performance cerámica…”.
O xurado de profesionais das artes escénicas desta edición do certame estivo integrado por Kirenia Martínez, mediadora cultural, directora, bailarina e coreógrafa; Camilo Franco, escritor, crítico teatral, xornalista e director de Culturgal; Alba Bermúdez, actriz e integrante da compañía Galeatro; Carmen Castro, directora artística do FIOT e xefa do Servizo de Cultura do Concello de Carballo; e Xiana Márquez, membro da organización do FIOT e monitora cultural da concellaría de Cultura o Concello de Carballo, en calidade de secretaria do xurado e sen voto.
Este certame é unha iniciativa de teatro de proximidade, pioneira en Galicia, que busca visualizar novos formatos e experiencias escénicas, así como apoiar a compañías e creadores emerxentes. As propostas finalistas neste 2025 poderán verse en espazos non convencionais e singulares de Carballo durante as fins de semana do #FIOT34: a tenda de fotografía e servizos dixitais Interfilm Carballo, o Parque das Camelias, a Residencia de maiores da praza de Vigo, a terraza do Pazo da Cultura ou a rúa do Sol. A entrada é libre ata completar a capacidade de cada espazo.
A 6 pezas recibirán unha compensación económica de 450 euros, ademais de optar, durante a celebración do FIOT, aos galardóns de Mellor Espectáculo e Mellor Interpretación, recoñecementos que outorgará o público, finalizado o evento, e que suporán outro premio de 150 euros en cada caso. Ademais, unha das pezas será seleccionada para a súa exhibición na programación de artes escénicas de Culturgal 2026.
Ao longo destes nove anos, o Certame de Micro-Escenas M2 acadou un importante éxito en canto ás propostas recibidas, tanto polo seu número (313, sumando ás 25 pezas recibidas a concurso neste 2025) como pola calidade e diversidade das pezas; sendo quen de suscitar o interese tanto de creadores individuais coma de equipos (integrados por 3-5 persoas), da veciñanza ou mesmo dos axentes económicos, comerciais ou cidadáns de Carballo que colaboraron coa cesión de espazos. Na súa traxectoria, Metro Cadrado contou con funcións, entre outros puntos, nun lavadoiro municipal, no despacho do alcalde, nunha barbería, nas fiestras da Ludoteca Municipal ou mesmo no Salón de Plenos.
Calendario de funcións do IX Certame Metro Cadrado
Sábado 11 de outubro
Ás 12.00h, 13.00h, 17.30h e 18.30h
- AMPARO MARTÍNEZ: Domitila. Lugar: Interfilm Carballo (avenida das Flores, 1, baixo). Estrea absoluta.
- SILVIA BÁTEGA: Só son unha moza con rabia. Lugar: Parque das Camelias (rúa das Camelias, s/n). Estrea absoluta.
Sábado 18 de outubro
Ás 12.00h, 13.00h, 17.30h e 18.30h
- DANI BLANCO: O novo. Lugar: Residencia de Maiores (praza de Vigo, s/n). Estrea absoluta.
- CORIFEO TEATRO. Covers. Lugar: Pazo da Cultura (rúa do Pan, s/n). Estrea absoluta.
Sábado 25 de outubro
Ás 12.00h, 13.00h, 17.30h e 18.30h
- BENGALA TEATRO: Alicia Wants To. Lugar: Rúa do Sol, 46. Estrea absoluta.
- UXÍA ALGARRA: Gracias por su visita. Lugar: Terraza do Pazo da Cultura (rúa do Pan, s/n)
- O FIOT estrea ‘Territorio Regueifa’ - 21/01/2026
- Vigocultura dá a coñecer a súa nova programación - 16/01/2026
- Carlota Mosquera estrea ‘Ninguén tira fotos nos enterros’ - 15/01/2026



