in , ,

Areta Bolado será a nova Xograresa de Outono do FIOT de Carballo

María Barca encargarase do deseño do galardón

Areta Bolado
Areta Bolado será a nova Xograresa de Outono do FIOT. Foto de Pilar Abades.

O Festival Internacional de Outono de Teatro de Carballo, o FIOT, outorgará este 2025 o premio Xograresa de Outono a Areta Bolado. Con esta concesión o FIOT quere “seguir poñendo en valor e o recoñecemento de figuras imprescindibles do sector cultural galego” mantendo a entrega anual dun galardón que busca “salientar a traxectoria de profesionais das artes escénicas”.

Desta vez, as xograresas e xograreses do FIOT decidiron premiar a actriz, dramaturga e directora Areta Bolado, unha das fundadoras da compañía A Panadaría. Na resolución, o xurado destacou a artista, ademais de pola súa relevante e valiosa traxectoria para as artes escénicas galegas, “pola riqueza e a versatilidade dunha creadora que é actriz, dramaturga e directora, co desexo de visibilizar novas formas de xograres e novas xeracións no FIOT, con figuras como Areta, que abren renovados e estimulantes camiños para as artes escénicas galegas”. O xurado remarcou, tamén, “a solidez da traxectoria de Areta Bolado, tan querida pola súa linguaxe contemporánea irreverente e estimulante, cunha bagaxe recoñecida dentro e fóra de Galicia, e cun pulso creativo que comparte valores fundamentais para FIOT como a loita polo feminismo e a inclusión”.

Areta Bolado –cuxos espectáculos xunto á compañía A Panadaría foron moi celebrados nas súas visitas ao Pazo da Cultura de Carballo– recollerá o seu galardón este outono en Carballo, durante a celebración da nova edición do FIOT, collendo o relevo do actor e narrador Avelino González, premiado en 2024.

A premiada

O festival destacou tamén o seguinte arredor da traxectoria da Xograresa de Outono deste ano: “Areta Bolado (O Porriño, 1985) é actriz e creadora escénica. Foi unha das fundadoras da compañía A Panadaría, na que artellou un teatro hilarante, transgresor e profundamente político. Dentro desta formación, ademais de coordinar todos os proxectos pedagóxicos, foi cocreadora e actriz de PAN!PAN!, Panamericana, Elisa e Marcela e As que limpan.

O seu carácter irreverente e lúdico como intérprete enchoupa outros proxectos teatrais e audiovisuais, como Soño dunha noite de verán (Marta Pazos, Voadora), Neorretranca e Posmorriña (Centro Dramático Galego), 9 Fugas (Fon Cortizo), Descarrilados (Fer García Ruiz) ou Xan (Lucía Estévez e Miguel Canalejo). Como creadora, mantén desde hai anos unha vía de exploración entre a música e o teatro xunto con Ailén Kendelman, da que xurde o conxunto internacional Áureas, a conferencia-concerto Barba Inguinal e o máis recente Unha señora orquestra.

Na súa traxectoria recibiu numerosos premios autonómicos e estatais como actriz, dramaturga e directora, mais tamén foi recoñecida por diversos colectivos polo seu compromiso feminista e polos dereitos do colectivo LGBTIQ+”.

Un trofeo novo

Dentro da aposta FIOT pola raíz e o apoio ao talento local, a Asociación Telón e Aparte encargoulle o deseño do novo trofeo da Xograresa de Outono á artista e artesá carballesa María Barca, impulsora do espazo CRÚA en Carballo. A creadora será tamén a encargada do deseño do Premio do Público do FIOT a partir desta 34ª edición da cita.

“María Barca é carballesa de nacemento, pero, sobre todo, de corazón. Fala pouco, mais ten mans creadoras. Ela di que non é fotógrafa, oleira ou ceramista, senón que desfruta de afrontar novos retos coas mans sen etiquetas. Estudou Belas Artes na Universidade de Vigo, tratando de combinar traballos plásticos e fotográficos. Sente predilección polos proxectos sociais, solidarios e educativos, a produción artesanal, a cerámica e a fotografía documental. Despois de pasar por Madrid, Perú, Bilbao ou Berlín, regresou a casa, onde continúa ampliando a súa formación tanto artística como persoal. En agosto de 2022 publicou o seu primeiro libro, Buño de seu, un traballo documental e fotográfico sobre os oleiros e oleiras da vila, que supuxo o seu achegamento definitivo ao mundo da cerámica. En novembro do 2022 abriu as portas dun espazo que materializa as súas aspiracións creativas: CRÚA, un obradoiro de cerámica en Carballo”, destacou o FIOT sobre Barca.

Redacción

Redacción

Redacción

Somos a erregueté | Revista Galega de Teatro.
A única publicación periódica que ten como obxecto as artes escénicas galegas dende 1983.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Xornada profesional Escena Galega

Como deseñar experiencias escénicas inclusivas e accesibles

Imaxe do interior do Monkey Barrel Comedy de Edimburgo

Stand-up comedy en Edimburgo