O Centro Dramático Galego inaugura a súa nova temporada escénica coa estrea, hoxe, 11 de setembro, do espectáculo A serie clopen. Trátase da primeira produción propia da compañía pública que ten as artes circenses como eixo central. Pablo Reboleiro, quen asina tamén a dramaturxia xunto con Clara Gayo, dirixe esta montaxe multidisciplinar na que os conceptos matemáticos serven de suxestivos puntos de partida para abordar e propoñer unha reflexión crítica sobre o momento actual e os retos da mocidade, e na que a música e o humor teñen tamén un peso importante.
As matemáticas son, nesta peza, unha das paixóns de Alicia, unha adolescente que, a través delas, busca darlles resposta aos paradoxos da sociedade actual desde a canle que abre nunha rede social co seu cuarto, aínda cheo de bonecas e xoguetes, como escenario. O elenco está composto por Marián Bañobre, Luz García, Johanna Hess, Raquel Oitavén, Natalia Pajarito, Inés Santos e Guillermo Solo.
No equipo artístico atópanse tamén Laura Iturralde na iluminación e videoescena, así como no deseño da escenografía xunto con José Faro; Erea Pérez e Paula Quintas na maquillaxe e caracterización, Marta Alonso Tejada no movemento escénico e coreografía, José Expósito na asistencia de circo, Marcos PTT no espazo sonoro e asistencia de dirección, Xosé Lois Romero na composición musical e Santi Romay na asistencia de produción.
Público de 45 concellos
Como nas súas anteriores producións, o CDG pon tamén nesta á disposición dos concellos galegos a campaña de mobilidade Sobes ao autobús do teatro? para facilitarlles o desprazamento a Santiago de Compostela para asistir ás representacións. Neste caso, o Salón Teatro recibirá público chegado dende preto de 45 municipios das catro provincias.
As funcións disporán tamén das medidas de accesibilidade habituais, “entre as que se inclúe a interpretación a lingua de signos, audiodescrición e subtítulos para o teléfono, ademais das funcións descontraídas dos mércores cunha atmosfera acolledora e maior tolerancia respecto do ruído e movemento no patio de butacas”.
A serie clopen permanecerá en cartel en Santiago de Compostela ata o 26 de outubro, con cinco funcións semanais, de mércores a domingos, ás 18.00 horas. Tras esta temporada de exhibición na sede do Centro Dramático Galego, o espectáculo poderá verse tamén noutros cinco espazos de Galicia e Portugal: Teatro Académico Gil Vicente de Coímbra o 30 de outubro, Auditorio Municipal Carmen Estévez Eguiagaray o 2 de novembro, o Teatro García de Resende de Évora o 4 de novembro, o Auditorio Municipal de Rianxo o 6 de novembro, e Auditorio Municipal de Quiroga o 9 de novembro.
As entradas para as funcións están á venda en liña e tamén poderán adquirirse no despacho de billetes do Salón Teatro os días de función desde as 16.00 horas.




