in ,

Castelao, un corazón á intemperie

A cachaporra como código obrigado

Foto da obra Castelao, un corazón á intemperie
Foto da obra 'Castelao, un corazón á intemperie', de Fantoches Baj. Foto de Manuel G. Vicente. Fonte: Xunta de Galicia.

Desde aqueles eidos de Novoneyra que evocara con prismas que daban vida ás aldeas mudas do Courel, pasando polas letras-obxecto que animaban os versos de Lois Pereiro ou a máis difícil poesía rimada de Florencio Delgado Gurriarán, Inacio Vilariño é especialista en xerar espectáculos como artefacto de divulgación das nosas letras e das vidas que estiveron detrás delas.  Case sempre con acerto, escollendo as linguaxes e as formas máis axeitadas para cada estilo, para cada poética. Para contar a Castelao, cuxo ano é de xustiza celebrarmos este 2025, a cachaporra era o código obrigado.

Vilariño, alma de Fantoches Baj, é un creador poliédrico. A súa formación en Belas Artes revélase na delicadeza coa que aborda cada proposta, as máis das veces co substrato  nas formas da tradición e da literatura popular oral. Igual ca Castelao e o seu veciño Dieste empregaron os relatos e as formas tradicionais para crear vangarda, Inacio afonda nesas raíces e abórdaas cunha curiosidade infinita e unha expresividade desbordante. Todas as súas dotes están despregadas neste espectáculo: a de actor-manipulador, a de creador, de recuperador do patrimonio  e mesmo a de cantante, todas elas froito de anos de rodaxe en tantas outras propostas, antes xa da fundación, en 2003, de Fantoches Baj. Porque Vilariño, se ben formado nas súas terras lalinenses no formato do ñaque, é un experimentado bululú. Aínda que de cando en cando afronta formatos maiores como en  Pedro e o Lobo (retomada recentemente tras ter que agardar á liberación dos dereitos da obra de Prokofiev), este artista vese cómodo na soidade do seu teatriño unipersoal.

Nesta ocasión, bota man de ideas recollidas durante anos de pescuda arredor da obra e da vida de Castelao. Recupera algunhas anécdotas que xa incluíra nos catro volumes de banda deseñada creados a catro mans con Iván Suárez: a infancia na Pampa, os traumas da emigración, a mocidade en Rianxo, o exilio e o antifascismo. O propio Alfonso Daniel foi un mestre entretecendo retrincos da súa vida nos seus relatos, por non falar  da súa obra plástica. Un exemplo de artista comprometido coa súa realidade, onde a creación e a militancia eran caras indisociábeis da mesma moeda.

As historias de crianzas, homes e mulleres do pobo que Castelao trasladou nas súas Cousas eran tamén libretos dun espectáculo de cachaporra, onde o heroe das subalternas ten que valerse das únicas armas das que dispón: o enxeño, a retranca e a dignidade. Por iso levar a Castelao a un teatriño de monifates resulta orgánico a tal  punto que nos preguntamos como é que ninguén o fixo antes.

A escusa para esta proposta sérvelle ao titiriteiro para homenaxear un seu veciño. E así, imaxina a Daniel Varela Buxán, quen compartiu con Castelao os seus últimos anos de exilio, a organizar unha velada teatral na aldea de Cercio, onde fixou a súa residencia tras o seu retorno da Arxentina, en 1950, no mesmo ano do pasamento do promotor do estatuto de Galiza. Na mesma parroquia na que poucos anos despois nacería Vilariño, continuou Varela Buxán o labor de dinamización teatral  que iniciara na emigración bonaerense. Deste xeito, a situación preséntasenos como unha velada organizada polo que fora director da primeira montaxe d’Os vellos non deben de namorarse, para lembrar coa súa veciñanza a figura do seu admirado amigo.

Colócanos así o espectáculo no contexto da censura franquista: Varela Buxán pide ao público silencio para evitar espertar sospeitas entre as forzas vivas da celebración deste evento prohibido, e pasa a falarnos da persoa, dando paso á voz dos protagonistas en forma de monicreques de luva ou marionetas a la planchette. As anécdotas da infancia e mocidade do rianxeiro vanse entretecendo co imaxinario máis fantástico da súa obra plástica e narrativa, até chegar ao cumio da súa obra dramática. Non en balde, as escenas d’Os Vellos enchen o último terzo da obra, aquel no que confluíran o filósofo do arado e o autor do Sempre en Galiza. E os dous Danieis confúndense co Inacio que reivindica ao Castelao titiriteiro, aquel que malia non ter empuñado nunca unha luva, admirou o Bartolozzi da Barraca que percorreu as frontes republicanas para imprimir alento entre as tropas esgotadas pero posuídas, elas tamén, da forza da dignidade.

Comba Campoi
Latest posts by Comba Campoi (see all)

Castelao, un corazón á intemperie, de Fantoches Baj

Dramaturxia: Inacio Vilariño a partir das entrevistas de Emilio Araúxo a Daniel Varela Buxán en O filósofo do arado e dos textos de Castelao, “Panchito”, “Sabela”, “O inglés”, “ A Marquesiña”, “Un ollo de vidro” e “Os vellos non deben de namorarse”
Director e escenógrafo: Inacio Vilariño
Actor: Inacio Vilariño
Música: tradicional
Vestiario: Olga Vieites
Fotografía: Manuel G Vicente

Actos de celebración do Día do Teatro. Cidade da Cultura. Santiago de Compostela, 29 de marzo de 2025. Estrea.

Comba Campoi

Comba Campoi

Xornalista e docente, traballou como actriz de teatro e audiovisual. Realizou a súa tese sobre o papel do teatro popular de monicreques como forma de comunicación das clases subalternas, centrado no caso de Barriga Verde durante a posguerra. Na actualidade compaxina a docencia co seu activismo cultural a través da Asociación Cultural Morreu o Demo. Forma parte do consello de redacción da Erregueté | Revista Galega de Teatro.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Isabel Risco e as mans de Alberte Bello en 'Do reino (e) dos amores proscritos' de ALÓproducións. Foto: Afonso Becerra

Creación teatral e dixestión

A serie clopen

A serie clopen