Cun espectáculo que propón unha inmersión directa e sen concesións nos tabús que rodean
a saúde mental e o suicidio na sociedade contemporánea inaugura esta noite a Mostra de Teatro de Ribeira a súa nova programación. Ás 21:15 horas, o novo Auditorio Municipal acollerá a estrea galega de Heroes en decembro, un texto de Eva Mir, dirixido, traducido e adaptado por Sara Rey, e producido por Ancoraxe, Vórtice Escénico e o Centro Dramático Galego, despois de realizaren unha residencia artística nos días previos e ofreceren onte unha función escolar de preestrea para os centros educativos da vila.
A obra e as compañías
A interpretación desta peza de 90 minutos de duración e pensada para adolescencia, mocidade e público xeral corre a cargo de Isabel Garrido, Marcos Grandal, Ana San Fernando e Andrea Blanco, cun espazo escénico e iluminación asinados por As dúas e punto. A sonoplastia é de Marcos Grandal e os audiovisuais de Berto Lozano.
Heroes en decembro, segundo resaltan dende as compañías, “é unha conversa incómoda pero necesaria, unha batalla campal contra nós mesmas que pon o foco nun dos grandes silencios da
cotiandade”. Así, “a través das historias de Berta, Agnes, Xián e Mar, o público enfróntase ás feridas abertas que deixan o trauma, a precariedade e a falta de horizontes vitais, e á dificultade de atopar motivos para vivir máis alá da simple supervivencia”, engaden.

A obra parte dun texto que recibiu o Premio Nacional de Teatro Calderón de la Barca 2019, e súa temática “aborda a chamada ‘pandemia silenciosa’ da nosa época: as elevadas taxas de suicidio e sobre todo na xente nova, sendo Galicia a segunda comunidade autónoma con maior taxa de suicidios; ofrecendo un retrato social da mocidade actual, atravesada pola incerteza de futuro, a precariedade laboral, a saúde mental e a complexidade das relacións afectivas”.
As compañías Ancoraxe e Vórtice Escénico, con experiencia emerxente e galardóns en certames como o Xuventude Crea, queren reforzar coa súa produción “a aposta polo teatro comprometido e transformador”, unindo as súas forzas para poder crear unha peza dun formato maior. Trala súa estrea desta noite en Ribeira, a seguinte función confirmada será o 20 de novembro no Auditorio Gustavo Freire de Lugo.
Programación da Mostra de Teatro de Ribeira
Dende a función escolar de onte e a estrea para público xeral de hoxe de Heroes en decembro, a Mostra de Teatro de Ribeira desenvolverá ata o vindeiro 19 de decembro unha programación no novo auditorio municipal que contará cun total de 13 compañías participantes
- HEROES EN DECEMBRO, Ancoraxe, Vórtice Escénico e CDG: 25 de setembro (pase escolar) e 26 de setembro (pase xeral). Estrea.
- GUERRA, Teatro do Noroeste: 3 de outubro.
- CONQUISTADORES, Proyecto Cultura Cía: 10 de outubro
- DO REINO (E) DOS AMORES PROSCRITOS. UN REINO ESQUECIDO, UNHA HISTORIA POR CONTAR, de Alóproducións: 16 de outubro. Estrea.
- TOLÓPTICA, Código Azul: 17 de outubro.
- A CINCENTA QUE NON QUERÍA COMER PERDICES, Sarabela Teatro: 24 de outubro.
- CORTELLO DE AMOR, Amorodio Teatro: 31 de outubro.
- LAS PRECIOSAS RIDÍCULAS, Arroz con Costra: 14 de novembro.
- MULLERES QUE VIVEN SOAS, Berrobambán: 21 de novembro.
- AS DESTERRADAS, Producións teatrais Excéntricas: 28 de novembro.
- O PROCESO, Malasombra: 5 de decembro.
- BERENGUELA NA GAIOLA, Galeatro, Xarope Tulú e o CDG: 12 de decembro.
- NABIZA GIRL 2: O ESTRANO CASO DA CULTURA MINGUANTE, Culturactiva: 19 de decembro.
Pódese adquirir un bono para asistir ás trece funcións xerais da mostra por 35 euros, ou entradas soltas por 4,95 € (os dous prezos non levan incluídos os gastos de xestión). As entradas poden mercarse de xeito presencial na Oficina de atención cidadá da Casa do Concello (antigo auditorio) de 09:30 a 14:00 h, ou en liña a través da páxina de Ataquilla.
- O CDG estrea ‘Memorias dun neno labrego’ - 08/01/2026
- O festival internacional Galicia Magic Fest está a celebrar a súa novena edición - 03/01/2026
- Falece o actor Miquel Insua - 31/12/2025



