in , ,

O FIOT acolle a estrea de ‘Berenguela na gaiola’

Hoxe, no Pazo da Cultura de Carballo, a partir das 18.30 horas

Presentación de Berenguela na gaiola
Imaxe da presentación de 'Berenguela na gaiola', esta semana, no FIOT. Foto de Vanessa Rábade.

O Festival Internacional de Outono de Teatro (FIOT) de Carballo será hoxe o marco da estrea absoluta de Berenguela na gaiola, de Galeatro e Xarope Tulú, coproducida polo CDG, a Casa-Museo Manuel María e o propio FIOT. A función, que se realizará a partir das 18.30 horas no Pazo da Cultura de Carballo, dentro do FIOTiño, protagoniza a primeira semana da 34ª edición do FIOT, que arrancou o pasado xoves e que se desenvolverá ata o vindeiro 31 de outubro.  

A peza, dirixida ao público familiar, está baseada na obra Aventuras e desventuras dunha espiña de toxo chamada Berenguela, de Manuel María, e preséntase con esta sinopse: “Berenguela vive nunha residencia, pero quere volver á súa casa da aldea. Alí coñece a Aurora, que ten unha imaxinación sen límites, e a Tomás, sempre calado e pensativo. Berenguela propón unha revolta e volverse salvaxes e perigosas, pero Aurora suxire que fagan no teatro o que non lles deixan facer na realidade: ser libre e cambiar o mundo, ou, polo menos, o seu mundo. Os tres anciáns escollerán para representar a obra de Manuel María Aventuras e desventuras dunha espiña de toxo chamada Berenguela, onde cadaquén escolle o personaxe que quere representar”.

A compañía carballesa Galeatro e Xarope Tulú aliáronse neste proxecto, que gañou a cuarta edición do Certame Manuel María de Proxectos Teatrais e para o que contaron con Paula Carballeira como dramaturga e directora. 

A caracterización é de Lorena Calvo; o vestiario de As Dúas e Punto; a escenografía de Nicolás Zamorano; o espazo sonoro de Xavier Bértolo; o deseño de iluminación de Nacho Martín; o deseño gráfico, a fotografía e o vídeo de Sol Álvarez; e a unidade didáctica de Carolina Capelo; e Urdime leva a distribución do espectáculo.

Berenguela na gaiola
‘Berenguela na gaiola’. Foto de Sol Álvarez.

Programación na Rúa dos contos

Esta fin de semana continúa tamén a programación na Rúa dos Contos do FIOT. Hoxe será a quenda de Contadiña, de Marita Martínez, e Atroz, de Darío Mares, no Casino 1889 ás ás 21.00 horas, e no Bar A Estación ás 23.00 horas, respectivamente; e mañá ás 20.00 horas a de Dous ollos de vidro, de Quico Cadaval e Celso Sanmartín, no Mercado Municipal.

Redacción

Redacción

Redacción

Somos a erregueté | Revista Galega de Teatro.
A única publicación periódica que ten como obxecto as artes escénicas galegas dende 1983.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Heroes en decembro

Ancoraxe, Vórtice Escénico e o CDG estrean ‘Heroes en decembro’

Sara Miguelote en 'Fuga para o Tempo Presente. O Leve Poder da Lua Apenas Queima os Olhos' da Nuisis Zobop. Foto: Leonel de Castro.

Dramaturxia e Danza. Inmersión na Fraxilidade e no Presente