O Festival Internacional de Outono de Teatro, FIOT, de Carballo e Ainé Producións veñen de comunicar a cancelación da estrea absoluta do espectáculo Territorio Regueifa prevista para esta fin de semana –para mañá, venres 3, e para o sábado, 4 de outubro– no Pazo da Cultura de Carballo. O espectáculo ía ser o encargado de abrir o Programa de Sala da 34ª edición do festival, pero non será posible por mor dunha baixa médica imprevista dun dos compoñentes do elenco, segundo informaron dende o Festival e a produtora.
“Tendo en conta a condición de protagonistas dos tres membros do reparto e dada a singularidade do seu perfil artístico, coas particularidades do traballo que realizan como regueifeiros e a data na que nos atopamos, a posibilidade de facer unha substitución non é unha opción viable que poida garantir a calidade da proposta que todos esperabamos presentar ante o público”, explicaron.
Porén o FIOT deu a coñecer que manterá o seu compromiso de coprodución da obra e reprogramará a estrea de Territorio Regueifa en Carballo “cando a compañía poida retomar o traballo e as condicións humanas e técnicas de todos os axentes implicados así o permitan”.
Segundo aclararon dende a organización, as persoas abonadas poderán asistir co seu abono a esta nova función se así o desexan, sen ter que realizar ningunha outra xestión. No caso de non estaren interesadas, poderán solicitar a devolución do importe proporcional desta obra no marco do seu bono ata media hora antes do inicio da función a través da plataforma Ataquilla.com ou no despacho de billetes, onde se lles realizará o reembolso pola mesma vía na que o pago foi realizado.
O FIOT compartiu tamén que lamenta ter que cancelar a función escolar de Territorio Regueifa dentro do seu programa FIOTeen, inicialmente prevista para mañá, ás 11.00 horas, así como a celebración da sesión de Onda FIOT (Escola do Espectador nas Ondas) prevista para este sábado ás 12.30 horas, no Pazo da Cultura, que tampouco se poderá desenvolver. Para calquera consulta, o FIOT puxo á disposición do público o correo electrónico info@fiot.gal.



