in , ,

A MITCFC obtén o Premio Boas Prácticas en Igualdade

A Deputación de Pontevedra recoñeceu o labor do programa Mulleres en Acción como mellor iniciativa cultural

Entrega do Premio Boas Prácticas en Igualdade á Mostra Internacional de Teatro Cómico e Festivo de Cangas
Entrega do Premio Boas Prácticas en Igualdade á Mostra Internacional de Teatro Cómico e Festivo de Cangas. Fonte: MITCFC.

Neste mes de novembro, o labor da Mostra Internacional de Teatro Cómico e Festivo de Cangas (MITCFC)  foi dobremente galardoado. Despois de facerse público que obtivera o Premio da Cultura Galega na categoría de Artes Escénicas, a MITCFC recolleu tamén a semana pasada un dos Premios ás Boas Prácticas en Igualdade que outorga anualmente a Deputación de Pontevedra; no seu caso o da modalidade de Cultura.

Foi un recoñecemento que escolleu como mellor iniciativa cultural o programa da Mostra Mulleres en Acción, para poñer en valor o labor desenvolvido nel ao longo dos seus 25 anos de vida. O galardón foi recollido pola súa directora, María Armesto, quen expresou que este recoñecemento é “todo un convite a seguir traballando, de xeito transversal, pola igualdade de xénero e contra as violencias machistas no teatro e na cultura” e destacou tamén que o programa non existiría sen o traballo das mulleres que o impulsaron con ela, en referencia a Pepa Barreiro, Paula Tenorio, Che Mariño e Casilda Alfaro.

Dentro da categoría de Cultura, a Deputación tamén outorgou un accésit á compañía Teatro Caracol de Cambados.

As outras iniciativas premiadas

O acto de entrega celebrouse o xoves pasado e foi inaugurado polo presidente da Deputación. Nel tamén participaron os vicepresidentes Rafa Domínguez e Luisa Sánchez, así como a deputada de Igualdade, Paula Bouzós e outros membros do goberno provincial; e abriu cunha actuación musical da artista MJ Pérez Os galardóns estaban deseñados pola artista Rosa García e o acto foi presentado por Helena Cornes.

Ademais dos recoñecementos á Asociación Cultural Xiria, organizadora da MITCFC, e a Teatro Caracol, na modalidade de Cultura, entregáronse tamén os premios das outras categorías. Na categoría de iniciativa social, o premio foi para a cooperativa A Morada Rosa de Vigo, “un exemplo de traballo a prol da igualdade en materia de iniciativa social que ofrecen espazos seguros para as mulleres”; nunha categoría na que a Fundación Érguete-Integración, foi recoñecida cun accésit. No ámbito deportivo, a candidatura gañadora foi o Traviesas Hockey Club, “unha entidade de excepcional interese público recoñecida tamén polo CSD”; cun accésit para a Asociación Libélulas BCS de Pontevedra. A categoría de educación recoñeceu este ano ao CEIP Rosalía de Castro de Vilagarcía, “polos seus programas e actividades educativas en igualdade”, mentres que o accésit foi para o CEIP Plurilingüe de Domaio. No apartado de distincións honoríficas, o Centro Penitenciario da Lama, co seu programa de radio “Ellas improvisan”, recibiu un recoñecemento xunto cos concellos de Marín e Silleda polas súas políticas a prol da igualdade.

O obxectivo

Os Premios ás Boas Prácticas en Igualdade da Deputación de Pontevedra teñen como obxectivo recoñecer publicamente o esforzo realizado polas distintas entidades en materia de igualdade de xénero e contra a violencia machista na provincia de Pontevedra. A erregueté | Revista Galega de Teatro tamén obtivera o ano pasado, na primeira edición dos Premios, o primeiro Premio ás Boas Prácticas en Igualdade, na modalidade de Cultura, polo seu apoio á dramaturxia feminina dentro da súa colección de dramaturxia.

 

Redacción

Redacción

Redacción

Somos a erregueté | Revista Galega de Teatro.
A única publicación periódica que ten como obxecto as artes escénicas galegas dende 1983.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

'La Voluntad de un Cuerpo' da ITZ-Intranzyt Cia. Foto: Vítor Ferreira

O corpo a vontade e o ser

Alicia López en The City, na última edición do Teatro Gorrilla. Fotografía de Laura Merchán.

Domingo no teatro da man do Gorrilla