in , ,

Constance Hurlé estrea ‘Miña pequena’ no MARCO de Vigo

Hoxe, ás 19.00 horas, dentro da programación do 25N da Concellería de Igualdade

Miña pequena, de Constance Hurlé
'Miña pequena', de Constance Hurlé. Foto de Xandra Táboas, Gravidade 0.0.

A compañía de artes vivas Constance Hurlé presenta a súa nova produción de pequeno formato, titulada Miña pequena. A estrea deste espectáculo de danza-teatro para espazo non convencional terá lugar no Museo de Arte Contemporánea, MARCO, de Vigo, hoxe, 21 de novembro, ás 19:00 horas, a estrea, dentro da programación do 25N da Concellería de Igualdade do Concello de Vigo. 

A peza é unha adaptación do relato Manaus, da propia Constance Hurlé, que foi gañador do 1º Premio de microrrelatos contra a violencia de xénero do Concello de Ribadavia no ano 2020. Nela explóranse, dende a poesía, a danza e o son, “as conexións entre psique, corpo e violencia”. O eixo é a narración dunha violación, cuxa lembranza quedará pechada nos recunchos da memoria da vítima. A actriz adentrará o público nunha íntima confesión onde quedarán expostas a crueza do abuso e a fraxilidade do corpo aldraxado a través da metáfora e a honestidade do relato directo, en segunda persoa, dirixido ao agresor.

O traballo quere convidar “á reflexión sobre a cotiandade da violencia de xénero e o abuso sexual no ámbito íntimo da parella e como estas violencias deixan unha pegada no corpo, transformándoo e atravesándoo”.

En escena estará a intérprete, Constance Hurlé, acompañada pola composición sonora en directo de Diana Longa. O equipo nesta produción está conformado Constance, como autora do texto e intérprete, así como directora da propia compañía e da produtora e distribuidora Hurlé prods, pequena empresa creada para soster distintos proxectos de artes escénicas e musicais da propia directora e artistas locais; por Diana Longa, que se estrea como profesional do sector con esta mesma peza, e quen, ademais do espazo sonoro, asume tamén a dirección e a dramaturxia; e coa bailarina Olga Cameselle, colaboradora habitual da compañía, na asesoría no movemento. Na área de creación de contido audiovisual (fotografía e vídeo) atópase Xandra Táboas, Gravidade 0.0. Outras persoas que apoiaron a peza durante o seu proceso creativo son Fran Sieira e David Jácome, aos que a compañía quere “agradecer profundamente a súa colaboración totalmente desinteresada”, así como a Paula Cabaleiro e á área de Igualdade do Concello de Vigo “pola súa confianza”.

Constance Hurlé é unha compañía viguesa que traballa con linguaxes híbridas de carácter contemporáneo dentro das artes do movemento. Comezou a súa traxectoria profesional cando no 2021 recibiu unha axuda á creación da Agadic coa que estreou seu primeiro espectáculo de gran formato, Lara Hierro. A partir dese momento, comezou a facerse un nome dentro do sector cultural galego, destacando as súas creacións de pequeno formato, “coas que veñen traballando desde os inicios, na periferia máis underground”, segundo salientan dende a compañía.

Redacción

Redacción

Redacción

Somos a erregueté | Revista Galega de Teatro.
A única publicación periódica que ten como obxecto as artes escénicas galegas dende 1983.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Alicia López en The City, na última edición do Teatro Gorrilla. Fotografía de Laura Merchán.

Domingo no teatro da man do Gorrilla

Sala Ártika de Vigo

A Xunta convoca as axudas ás salas privadas de artes escénicas