O Teatro Gorrilla volveu a Churruca, pero cunha novidade, nun domingo, que semella funcionar tan ben como os sábados, aos que estabamos afeitos. En todo caso, o teatro volveu encher os bares da cidade de Vigo o día 5 de outubro e, como xa é tradición, asistín a todas as obras programadas.
Comezamos no Tinta Negra coa compañía Improversados, de improvisación en verso, como queda bastante claro no nome. Dentro do bar atópome con dous oráculos gregos cheos de carisma, que ademais de conseguir que escache a rir, acláranme que debería tomar máis lentellas grazas ao seu saber diviño.
Improversados coloca o estándar alto para Alicia López, que presenta A vergonza era verde e comeuna a vaca, en The City. Esta peza é completamente oposta á anterior. Atopamos nela danza, poesía visual e tradición, e un chisquiño de humor, que sempre vén ben. Puidemos ver en The City una peza curta, que coida o detalle e cun imaxinario moi rico, que acada grazas a elementos simples e moi concretos.
Subimos a A Casa de Arriba, onde vemos Sagrado Corazón, de Isolda Comesaña. Tiven a oportunidade de ver esta peza hai meses na Morada Cooperativa, e logo foi escollida nas Residencias Paraíso. No Gorrilla, Isolda amosa o traballo feito neste período, e a experiencia é fantástica, xa que puiden ver o proceso de evolución, e agardo poder seguir sendo testemuña deste. A peza combina moitas linguaxes: movemento, poesía e arte plástica, de xeito que atopamos moitas capas nas que afondar. Ademais, destaca a presenza solemne da intérprete, e tamén a súa apertura.
Para finalizar, chegamos á Sala Kominsky, onde coñecemos Alien que se converteu en superestrela, de Lara Álvarez e Elsa Comesaña. Volvemos ao humor, cun espectáculo (en proceso) que destaca pola súa personalidade tan especial e o seu carácter xeracional e local. O retrato que se fai da cidade de Vigo a través dos ollos das intérpretes resulta moi peculiar, pero tamén universal. Todas as rarezas da peza fan dela unha obra moi universal, sen querelo. Agardo ver a que chegan con ela.
E así remata esta última xornada do Teatro Gorrilla, que volve encher Churruca de propostas moi especiais, que non atopamos noutro lugar, e achegando á poboación de Vigo todas as posibilidades que ten o chan dun bar.
- Domingo no teatro da man do Gorrilla - 21/11/2025
- Costa da morte, cartografía dun naufraxio - 05/08/2025
- As desterradas - 29/07/2025



