Durante as festas de Nadal, Vigo contará dentro da súa oferta cultural coa representación do espectáculo Conto de Nadal, de Vicus Teatro, que estará en cartel dende hoxe, 28 de novembro, cunha función de estrea ás 19.00 horas, ata o día 4 de xaneiro. Trátase dunha revisión do clásico de Charles Dickens dirixida ao público familiar para a que a compañía contou coa colaboración da Asociación Aproimppa, e as funcións faranse na súa sede, localizada no número 10 da rúa Segunda República.
O espectáculo
A sinopse da peza preséntase así: “O vello Pantalone leva anos tratando mal a todo o mundo. Os seus empregados non teñen para comer e incluso o seu mellor amigo Dottore morreu pola súa culpa. Antes do día de nadal, Dottore regresa para advertilo de que tres meigas virán para tratar de cambialo e facer del unha boa persoa.
Viaxan primeiro ao seu pasado, onde un novísimo Pantalone trata de namorar a súa amada, a Señora Rosaura, pero fracasa por causa da súa avaricia. A meiga do presente lévao a presenciar como a familia do seu criado Arlecchino ten dificultades para comer. O soldo que lle ofrece non é suficiente e tanto a súa muller Francesquina, como o seu fillo Pulchinella, buscan a forma de matar a fame como boamente poden. Por último, a meiga do futuro mostraralle que clase de lembranzas terá o mundo del o día no que xa non camiñe entre os vivos.
Estas viaxes abrirán en Pantalone unha nova forma de ver o mundo e descubrirá que a amabilidade non é unha debilidade, senón todo o contrario”. As entradas pódense conseguir en liña a través de Entradium ou no propio despacho de billetes antes das funcións.
Ficha artística
Dirección: Pablo Carrera
Adaptación: Nando Llera e Pablo Carrera
Elenco: Érika Barbosa, Iván de Araújo, Carlos Galán, Pedro Galocha, Paula Gavilán e Telma Pazo.
Máscaras: Stefano Perocco
Vestiario: Indignati
Espazo sonoro: Sergio Alfonso
Fotografía: Paula Cuervo

A compañía
Logo de catro anos de formación na Escola Superior de Arte Dramática, ESAD, de Galicia, cinco comediantes decidiron poñer en marcha Vicus Teatro. A compañía comezou o seu percorrido no ano 2015 co espectáculo A 3 Niveis, que foi finalista no certame Xuventude Crea dese ano.
Durante moito tempo sacou adiante un proxecto didáctico que percorreu os institutos galegos chamado Crónicas. No ano 2022 estreou a peza Salón Alfonsina, sobre a poetisa Alfonsina Storni. Ademais de ser Finalista do Xuventude Crea, a obra recibiu premios á Mellor Actriz e Mellor Texto Orixinal.
No ano 2024 estreou O namorado infiltrado, que foi seleccionado en diversos certames nacionais e internacionais. Vicus “busca facer un teatro popular, con poucos elementos en escena e que vaia directo os espectadores, falado da xente para á xente”.



