Cando era El Zorro non había corrupción.
Con oito anos sacáronme unha fotografía cunha cámara analóxica. Debía ser preto de carnaval, deduzo, porque ía disfrazado de El Zorro, tiña unha máscara, unha espada de plástico, era 1999 e o milenio comezaba a rematar.
Era feliz porque naquel momento “España va bien”, pero a min dábame igual. O colexio era sinxelo e facía cousas con plastilina. Polas tardes tocaba o violín e, antes de durmir, xogaba cun Power Ranger branco, que poñía o casco se lle premías no cinto. Non tiña que pagar facturas e o único que quería era ser El Zorro de Banderas e escribir “Z” polas paredes.
Entón os anos pasaron.
Resultou que España xa non ía ben e desas si que xa me importou. Rematara os estudos, non tocaba o violín e as facturas empezaron a ser máis caras cada semana. As tardes e as mañás empezaron a ser difusas e, dende logo, xa non era El Zorro.
E iso é triste porque ser un xusticeiro enmascarado significaba loitar contra os malos imperialistas e estar do lado do pobo. Igual fago comedia porque é a única forma que atopei de poder seguir estando enmascarado para darlle patadas no cu ós “mafiosillos”. Igual Arlecchino é un Zorro intersecular e Pantalone son todos os corruptos. Aínda que claro, na comedia hai esperanza de que todo pode ir ben e na realidade resulta cada vez máis… fantasioso.
Cando era El Zorro sempre tiña un plan audaz e unha historia que xustificaba o xogo. Todos os días vivía a mesma historia e todos os días era xenuinamente diferente. Daría o que fose por verme xogar nunha daquelas tardes analóxicas. Volver ver como fiaba, como enredaba e como nun cuarto entraba un universo: unha caixa era un foguete, os estantes unha montaña e a parte de abaixo da mesa, un refuxio secretísimo.
Pregúntome agora se se me esgotaron as historias porque os malos gañaron, os corruptos mandan e sempre estamos un pouco decepcionados… incluso cando pensas que non o podes estar máis. Estar decepcionado na decepción é posible. Agora o xusto non aparece nin nos xogos dos nenos.
Con oito anos tiña unha idea clara do que estaba ben, do que estaba mal, e a inxustiza estaba enlazada coa acción. Agora a acción só está nas películas e nos lemas publicitarios das multinacionais.
O caso é que dende que non escribo consoantes polas paredes as cousas están peor, evidentemente debido á miña ausencia no mundo das heroicidades. Agora o mundo apesta e todos temos moito medo. Cando era El Zorro era valente e con aquela espadiña de plástico vencía a todos os secuaces do mal.
Agora teño un batocio que está para usar. E é de madeira.
Ata a vitoria do teatro.
- Cando era El Zorro - 30/11/2025
- As IAs non coñecen as estacións - 26/10/2025
- Ética, inspiración e cervexa de media noite - 03/08/2025



