A Asociación de Actores e Actrices de Galicia (AAAG) vén de convocar a trixésima edición dos Premios de Teatro María Casares. A inscrición, que se realiza dende a páxina web da AAAG, está aberta até o xoves 8 de xaneiro e poden concorrer todos os espectáculos profesionais de teatro de actriz/actor en lingua galega estreados entre o 1 de xaneiro e o 31 de decembro de 2025. Ademais, as obras que se estrearon no último trimestre de 2024 que non concorresen ao certame na pasada edición tamén poderán presentarse. Tamén poden participar aquelas producións que non teñan texto falado, pero si empreguen o galego no material de promoción, no programa de man, na sinopse, etc.
Desta volta, as bases inclúen unha novidade con respecto a edicións anteriores: os actores e actrices integrantes da AAAG poderán realizar a súa inscrición individual nas categorías correspondentes no caso de que a compañía non inscriba o espectáculo no que participan. Até o de agora, só as compañías e produtoras podían inscribir as súas montaxes, así como os profesionais da escena que participan nas mesmas.
Os galardóns, como cada ano, divídense en 16 categorías: maquillaxe, vestiario, espazo sonoro, espazo escénico, iluminación, texto orixinal, adaptación-tradución, actor secundario, actriz secundaria, actor protagonista, actriz protagonista, dirección, dirección de movemento, espectáculo, espectáculo infantil e espectáculo de monicreques, obxectos e figuras animadas.
Os Premios de Teatro María Casares están organizados pola Asociación de Actores e Actrices de Galicia (AAAG) dende o ano 1997. Dende a súa creación, os galardóns serven como o grande escaparate da produción teatral de Galicia e contan de forma tradicional co patrocinio de entidades e institucións como o Concello da Coruña, a Xunta de Galicia, a Deputación da Coruña, a Fundación AISGE, a Fundación SGAE ou Gadis. Os espectáculos e profesionais galardoados danse a coñecer cada ano nunha gala que se celebra no Teatro Rosalía Castro da Coruña e nela tamén se fai entrega do Premio de Honra Marisa Soto.
A convocatoria dos Premios María Casares procura “a promoción do tecido teatral”, nun esforzo máis para “situar o teatro no lugar que merece dentro das artes e da cultura do noso país”. Un censo de máis de 450 persoas, conformado por asociados e asociadas da AAAG, premiados e finalistas en edicións anteriores, responsables de programación, xornalistas e críticos, encargarase de escoller as obras gañadoras tras as dúas quendas de votacións que se realizan.



