“Unha viaxe de hora e media pola escuridade, o absurdo e o espectacular”. Iso é o que promete Creepy Circus Cabaret “Resurrection”, un espectáculo para adultos onde o circo, o cabaré e o humor se entrelazan. O Multiusos de Chapela, en Redondela, acollerá mañá, domingo, 28 de decembro, a partir das 19:30 horas, a estrea desta proposta.
Creepy Circus Cabaret “Resurrection” non é un espectáculo de circo tradicional. Nel, o humor mestúrase con momentos escuros nunha proposta escénica “que combina disciplinas circenses de alto nivel — malabares, equilibrio, acrobacias e mesmo maxia— coa picardía do cabaré”.
A diferenza dos circos familiares, Creepy Circus Cabaret está deseñado principalmente para un público adulto, “con foco no humor irreverente, a sensualidade e o macabro”.
“Queremos que o público ría, quede abraiado e, sobre todo, que se atreva a vivir algo diferente”, di Fran Boza, creador do espectáculo. “É un circo para os amantes do estraño, do escuro e do inesperado. Un pacto co demo que non os deixará indiferentes”, engade. “Non é unha experiencia de terror puro, pero non faltarán momentos intrigantes e sorprendentes que poñerán o público ao borde dos seus asentos”, conclúe.
As entradas pódense adquirir en liña ou no propio despacho de billetes do Multiusos.



