O Auditorio de Galicia, en Santiago de Compostela, acolle hoxe, domingo 28 de decembro, a estrea do espectáculo Vacanal Sinfónica, ás 20:30 horas, nunha función organizada polo Concello de Santiago de Compostela. Con el conmemora o grupo musical De Vacas o seu décimo aniversario, nunha revisión sinfónica dos seus grandes éxitos. Trátase dun sorprendente achegamento da música orquestral ao universo “vacún” que se presenta para esta ocasión cun gran formato: cincuenta voces do Coro da Ra; dirixidas por Ramón Bermejo, un cuarteto de cordas e un cuarteto de ventos que contan cos arranxos musicais do compositor Lucas Rei. O espazo escénico e o vestiario foron deseñados por As Dúas e Punto e a xira do espectáculo está patrocinada pola Agadic, Deleite e ViniGalicia.
De Vacas naceu no ano 2015 con tres voces e unha guitarra. Elas son: a Marela, a Pinta, a Morena e a Rubia; ou o que é o mesmo: Inés Salvado, Faia Díaz, Paula Romero e Guillerme Fernández. Comezaron creando e transformando cancións en diferentes idiomas, mesturando voces e guitarra con harmonías que buscan estimular os sentidos, e sempre cunha identidade propia vinculada “co feminismo, a poesía, a inspiración das divas do pop, o amor pola lingua, a irreverencia e o humor”.
Ao longo desta década presentaron dous grandes espectáculos “Tour Vacanal” e “Rebovina Divas Live” cos que deron centos de concertos actuando por toda Galiza e parte da península (Madrid, Valencia, Euskadi, Murcia, Cataluña, Andalucía, Asturias, Castela e León, Portugal…).


