ButacaZero vén de anunciar as funcións de peche para o seu espectáculo IRIBARNE, tras percorrer con el doce comunidades autónomas, coas que sumaron máis de trinta mil espectadores, e participar no Festival Internacional de Artes Escénicas de Uruguai.
O proxecto, estreado en outubro de 2023 da man do Centro Dramático Nacional e a MIT de Ribadavia, e co apoio da Agadic, da Xunta de Galicia, chega ao seu punto e final cunha xira de despedida bautizada “Hai que ir morrendo” e que se desenvolverá ao longo do primeiro semestre de 2026. Con ela percorrerán diversas vilas galegas e viaxarán tamén ao País Vasco e a Madrid. A xira galega, coa que volverán a Santiago de Compostela, A Coruña, Ourense ou Cangas, rematará o 20 de xuño na vila natal de Manuel Fraga: Vilalba, e dende aí viaxarán a Madrid para estar no Teatro Infanta Isabel do 8 ao 25 de xullo.
IRIBARNE foi o sétimo proxecto do tándem creativo formado por Esther F. Carrodeguas e Xavier Castiñeira, ambos os dous responsables da compañía ButacaZero, e segue a liña das súas anteriores obras, “fundamentadas na investigación e na reflexión para dialogar co presente dende unha ollada crítica e irónica”. A obra está escrita por Carrodeguas, quen a presenta como “un intento (irreverente) por comprender como chegamos ata aquí camiñando da man dun deses personaxes secundarios pero incriblemente imprescindibles da nosa historia”. Segundo ela, é o traballo máis difícil que escribiu ata agora, sobre o que engade que foi complexo “atopar o punto de equilibrio do humor, do estilo, así como o lugar dende o que se situar”.
Pola súa banda, para Castiñeira, responsable da dirección do espectáculo, “este personaxe é inabarcable” e comparte arredor del o seguinte: “Entendo o que fixo, pero non dende onde o fixo e por que o fixo”. Nesa liña, salienta as contradicións que foron atopando durante o proceso de investigación, tanto da súa biografía persoal como da súa traxectoria política. Ademais, tanto Carrodeguas como Castiñeira sinalan que pertencen a unha xeración, “a da Transición”, que medrou rodeada dun “silencio tácito arredor da historia política recente”, e que embarcarse neste proxecto lles axudou “a entender de onde vimos”. Por iso, Carrodeguas expresa que lle parece moi interesante “que a obra, que se sustenta sobre o silencio, abra portas ao diálogo, aínda que sexa para provocar controversia”.
A xira
- Basauri: 31/01
- Ames: 08/02
- Carballo: 28/02
- Parla: 14/03
- A Estrada: 08/05
- Ourense: 16/05
- Cangas: 30/05
- Santiago de Compostela: 06/06
- A Coruña: 12-13/06
- Vilalba: 20/06
- Madrid: Do 8 ao 25/07
A montaxe
A montaxe está articulada en tres episodios, que procuran reflectir a evolución política do país, dende o franquismo ata a transición e a democracia, para culminar co período de hexemonía de Fraga en Galicia. “Pareceunos que un político que ocupara cargos de alta responsabilidade e que se mantivo no poder ao longo dun período tan dilatado podería ser un personaxe interesante para falar sobre a identidade de España”, sinala a dramaturga.
A posta en escena ofrece un xogo coral no que todo o elenco, integrado por Xurxo Cortázar, Jorge de Arcos, Esther F. Carrodeguas, Mónica García, Anxo Outumuro e Lidia Veiga, se vai dando o relevo para interpretar o protagonista. Completan o equipo artístico Diego Valeiras, que asina o espazo escénico xunto ao propio Xavier Castiñeira e mais o vestiario; Diego Vilar, a cargo da iluminación; Pablo Fontenla, responsable da parte audiovisual; a coreógrafa Sabela Domínguez e mais o produtor musical Berto, creador da banda sonora orixinal da obra, que inclúe o single WHO THE F*CK IS IRIBARNE?
Material complementario
En paralelo á xira, ButacaZero está a compartir na súa canle de YouTube material complementario que complementa a peza teatral, xa que IRIBARNE foi concibido como “un proxecto transmedia” que inclúe a banda sonora de Berto e produtos audiovisuais. De feito, é posible acceder a tres entrevistas feitas durante o proceso de investigación de investigación teatral a Manuel Rivas, a Xesús Palmou e mais a Encarna Otero. Este material foi deseñado por Inma López Silva e conta coa realización de Pablo Fontenla. Alén diso, tamén está á venda a edición galega do texto teatral, publicada por Edicións Positivas.
- Falece o actor Miquel Insua - 31/12/2025
- ButacaZero despide ‘IRIBARNE’ - 30/12/2025
- O grupo De Vacas estrea ‘Vacanal Sinfónica’ en Santiago - 28/12/2025



