in

Cicatriz

A danza que reside en todos nós

Cicatriz Kirenia Danza
'Cicatriz', de Kirenia Danza. Foto de Rocío Cibes.

O día 14 de novembro tiven a oportunidade de asistir a unha función de Cicatriz, de Kirenia Martínez, no Auditorio Municipal de Vigo dentro do marco de programación de Vigocultura.

Cicatriz é un espectáculo de danza no cal vemos en escena a propia Kirenia, acompañada por Antón Reixa, a quen vemos bailar por primeira vez. O espectáculo traballa a expresividade do corpo a partir de poemas de Antón, facendo así a súa presenza na escena moi valiosa.

A peza é, en si mesma, un manifesto, grazas ao compromiso que ten coa súa propia tese. Cicatriz é unha obra arriscada, que defende a danza como un espazo de expresión independentemente da técnica, idade e corpo, e faino de xeito coherente, porque a inclusión que reivindica é aplicada directamente. Grazas a isto, funciona, porque Cicatriz é quen de sacar a expresividade e o movemento de Antón, que nunca bailara de xeito profesional. Nótase a apertura del, e o coidado de Kirenia na escena. A peza pon en práctica, ata a última das súas consecuencias, ideas que se levan barallando na danza décadas, pero que non se exploraran moito de xeito profesional en Galicia.

O espazo escénico danza con Kirenia e Antón, e a pesar da súa sinxeleza, é quen de xerar beleza co movemento dos artistas. A luz fai un labor semellante. O que máis destaca, realmente, é o espazo sonoro, que combina música bastante diversa, son, e un poema de Antón Reixa recitado por Antela Cid.

En todo caso, Cicatriz é unha peza que pon en dúbida a esencia mesma da danza e atopa algo novo e máis valioso. Así, conmove, e o máis importante, move, porque nos lembra que a danza é universal e reside en todos os corpos.

Diana Longa
Latest posts by Diana Longa (see all)

Cicatriz, de Kirenia Danza

Dirección e coreografía: Kirenia Martínez Acosta

En escena: Kirenia Martínez e Antón Reixa

Textos: Antón Reixa

Voces: Antela Cid​ e Uxío Novo

Luces: Violeta Martínez​ e Daniel Rodríguez

Fotografía e vídeo: Global Blue​

Música: Marcos Payno e Bruno Baw

Escenografía:​ Suso Mareque

Produción:​ Uxío Novo​ e Fany Vázquez​

Distribución:​ Carlos Martínez Carbonell (Crémilo) e Fany Vázquez

Coprodución:​ Xunta de Galicia e Centro Coreográfico Galego

Vigocultura. Auditorio Municipal de Vigo, 14 de novembro de 2025.

Diana Longa

Diana Longa

(Vigo, 2001)Titulada superior en Dirección Escénica e Dramaturxia na ESAD de Galicia. Formada en música, sobre todo canto. Cofundadora do podcast Isolda, Diana e Martín viven nun mocasín.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

'IRIBARNE'. Imaxe de Geraldine Leloutre.

ButacaZero despide ‘IRIBARNE’

'Do reino (e) dos amores proscritos'. (Auditorio Municipal de Ribeira, 16/10/2025). Foto: Afonso Becerra.

2025 pecha o pano