O festival internacional de ilusionismo Galicia Magic Fest está a celebrar a súa novena edición que, dende o pasado 20 de decembro e ata o vindeiro día 11 de xaneiro, está a reunir as actuacións de seis figuras vencelladas á elite mundial da maxia e do ilusionismo. A primeira gala celebrouse o 20 de decembro no Grove e está a percorrer dende entón outras doce localidades galegas, combinando escenarios de grande formato con auditorios de vilas e cidades das catro provincias.
O evento, que conta co apoio da Xunta de Galicia, a través da Axencia Galega das Industrias Culturais, Agadic, está impulsado polo mago pontevedrés Pedro Volta.
Diferentes especialidades
O Galicia Magic Fest consolidouse nos últimos anos como unha das citas máis esperadas nestas datas e articúlase arredor dunha gala que reúne artistas internacionais mundialmente recoñecidos. Trátase dun formato pensado para todos os públicos, cunha proposta que explora diferentes especialidades da maxia, desde as grandes ilusións ata a micromaxia, pasando pola maxia cómica, a manipulación, o mentalismo e outras variantes, coa intención de ofrecer “unha experiencia completa e diversa”.
A programación desta novena edición está encabezada por Juliana Chen (Canadá/China), Sang Soon Kim (Corea do Sur), Stuart MacDonald (Estados Unidos), Mirko Callaci (Arxentina) e Julius Frack (Alemaña), xunto a Pedro Volta como anfitrión e alma do festival. Conta tamén co selo creativo do ilusionista francés Enzo Wayne, quen participa como asesor artístico e cuxas creacións estarán presentes na gala, achegando unha colaboración singular que permite ver en Galicia ilusións que deixaron pegada en grandes escenarios internacionais, segundo puxeron en valor dende a organización.
Premio Bordón Dourado
Como novidade, o festival creou nesta edición premio Bordón Dourado, deseñado para recoñecer a traxectoria profesional dunha lenda do ilusionismo e reforzar o vínculo do Galicia Magic Fest coa excelencia artística. O galardón entregouse o pasado 28 de decembro no Teatro Colón da Coruña á artista convidada desta novena edición, Juliana Chen, a primeira muller na historia en gañar o Gran Premio FISM na especialidade de manipulación e referente mundial que inspirou xeracións de profesionais da maxia.
A xira arrincou no Auditorio Municipal do Grove o 20 de decembro e continuou en Pontevedra (o 21 de decembro, no Auditorio Afundación), en Cangas (o 23 de decembro, no Auditorio Municipal Xosé Manuel Pazos Varela), Vigo (Teatro Afundación, o 26 de decembro), A Coruña (Teatro Colón, o 27 e o 28 de decembro), Narón (Pazo da Cultura, o 29 de decembro), Viveiro (Teatro Pastor Díaz, o 30 de decembro) e Verín (Auditorio Municipal, o 2 de xaneiro). Hoxe, 3 de xaneiro, chega a Lugo cunha función no Auditorio Municipal Gustavo Freire, e pasará tamén por Ourense (Auditorio Municipal Gustavo Freire, mañá, 4 de xaneiro), Vilalba (Auditorio Municipal Carmen Estévez Eguiagaray, o 6 de xaneiro), Vilagarcía de Arousa (Auditorio Municipal, o 9 de xaneiro) e Santiago de Compostela, que albergará os dous pases finais da xira, no Auditorio de Galicia, os días 10 e 11 de xaneiro. As localidades están á venda na plataforma dixital Ataquilla.
- O festival internacional Galicia Magic Fest está a celebrar a súa novena edición - 03/01/2026
- Falece o actor Miquel Insua - 31/12/2025
- ButacaZero despide ‘IRIBARNE’ - 30/12/2025



