Quen le sobre artes escénicas? A quen lle interesa?
(Pausa)
Logo tamén estaría a pregunta sobre quen le literatura dramática e a quen lle pode interesar?
(Pausa)
Imos pensalo un pouco.
(Pausa)
Vou deixar as pausas, que isto non é unha obra de teatro! É simplemente un pensar a partir dun proído e seguramente dunha necesidade que non se acaba de saciar.
(Pausa)
¿Son necesarias as pausas nun artigo de opinión para ler, rapidamente, en liña?
(Pausa)
Parece que más pide o corpo, as pausas, cando escribo sen saber con certeza onde me dirixo.
(Pausa)
Certezas, poucas.
(Pausa)
As pausas son un paradoxo ou unha contradición, incluso un entorpecemento, nun artigo destinado ás présas de todo o que se pode ler nunha pantalla.
(Pausa)
Pero pensar require pausa.
(Pausa)
Pausas aparte, practicamente un noventa por cento do meu alumnado, de estudos superiores de rango universitario, confesa que non le.
O libro é un obxecto de luxo. Un “smartphone” non o é. Incluso persoas supostamente sen cartos, téñenos para un teléfono última xeración ou case, porque estar á última en tecnoloxía é unha carreira de consumo que non ten fondo. Pero comprar un libro ou subscribirse a unha publicación de artes escénicas, aínda que estudes artes escénicas ou te dediques a elas, como amadora ou profesional, parece ben máis difícil.
Interésanos a vida e entón lemos sobre ela, a través das historias das novelas ou de libros de ensaio sobre os máis diversos aspectos. Non obstante, lemos pouco, segundo as estatísticas. Quizais xa non nos interese tanto a vida e prefiramos o seu sucedáneo dixital a través do “scroll”. Sendo así, as artes vivas e os teatros ficarían para unha escollida e moi respectable minoría.
Para min outra cuestión clave é se existe un pensamento arredor das artes escénicas. Incluso me atrevería a preguntar se é necesario un pensamento, unha teoría (visión ben articulada e fundamentada), arredor das artes escénicas? Se así fose, ¿onde o podemos encontrar formulado?
Antes de facer un espectáculo (digo facer en vez de crear e lémbrome daquilo que afirmaba con certa sorna Boadella nas súas aulas: crear só crea Deus), ¿é necesario pensar, procurar, formular…? E despois de asistir a un espectáculo? Dá para pensar ou só para o gustoume/non me gustou?
(Pausa)
Facer sen saber, sabendo? Ou facer sabendo sen saber o que imos facer?
Facer espectáculos tamén podería ser facer pensamento en acción.
(Pausa)
Paréceme que as publicacións sobre artes escénicas, libros de ensaio a este respecto, artigos en revistas “científicas”, en revistas especializadas do ramo ou en revistas culturais, deberan cumprir con esta finalidade: ofrecer un espazo para o pensamento, a teoría (visión ben articulada e fundamentada) e a crítica.
Paréceme que un sistema cultural e un sector das artes escénicas que non vaia acompañado e se retroalimente dese espazo, só pode dar un resultado encollido e pobre, desnutrido, analfabeto.
(Pausa)
Haberá que intentar, neste 2026, abrir máis pausas para ler, para pensar, para debater sobre o que máis nos gusta, as artes escénicas.
(Ábrese o pano, igual que se abre un libro)
- Ábrese o pano e ábrese un libro - 11/01/2026
- Cando o espectáculo desborda nas rúas - 06/01/2026
- 2025 pecha o pano - 31/12/2025


