“Con tenrura, humor, participación do público e técnicas de fotografía en vivo”, Carlota Mosquera propón unha reflexión colectiva sobre a morte dende a mirada da infancia no seu novo espectáculo, Ninguén tira fotos nos enterros. O Teatro Rosalía Castro da Coruña acolle mañá, venres, 16 de xaneiro, ás 20.30 horas, a estrea da peza, que fora premiada no Festival Pezas dun Teatro do Porvir, da Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega (AELG) e pola que recibira, na súa versión reducida, o Premio á Mellor Interpretación no Certame Metro Cadrado do FIOT de Carballo.
Sinopse
“Como explicamos aquilo inexplicable aos máis pequenos? Evitamos falarlles da morte para protexelos? A quen estamos a protexer?
Unha nena de 11 anos asiste, nun mesmo día, a súa primeira voda e ao seu primeiro enterro. Os mesmos personaxes participan en a ambos os eventos: de loito pola mañá, de traxe de cores pola tarde; na mañá chorando e na tarde facendo festa. Ninguén tira fotos nos enterros recrea as instantáneas que esa nena de once anos tomou no enterro da súa avoa cunha cámara desbotable, para abordar, con tenrura e humor, a cuestión de como lle falamos da morte aos máis cativos. Se é que lles falamos diso”.
Ficha artística
Dramaturxia e dirección: Carlota Mosquera
Interpretación: Carlota Mosquera e Sol Álvarez
Fotografía en Vivo e deseño : Sol Álvarez
Iluminación: Neicherman
Dirección de movemento: Marta Alonso Tejada e Onda Reboleiro
Vestiario: Neme Vázquez
Escenografía: Juan Ares
- Carlota Mosquera estrea ‘Ninguén tira fotos nos enterros’ - 15/01/2026
- Colectivo Glovo estrea ‘ALÉN’ - 14/01/2026
- O CDG estrea ‘Memorias dun neno labrego’ - 08/01/2026


