O libro (h)amor amigas (en Continta me tienes) comeza con esta cita do libro de Simone Weil De la amistad: “[La amistad] Consiste en amar a un ser humano como se querría amar a
toda la humanidad”. Ailén, Noelia e Areta fixeron do seu proxecto cultural un símbolo dende os inicios até o final, un proceso consciente e de coidados, onde nada resultou banal nin superficial, abrazaron as persoas dende a empatía do amasado cotián no seu forno creativo, habilidoso, na súa visión crítica e festiva dunha escena que a moitas persoas emocionou e transformou. Que difícil. Que ben. Que complexidade tan doada, que sinxeleza tan complexa.
Un dos lemas da súa visión e acción artísticas foi algo así como “non precisamos máis bollodramas, precisamos máis purpurina de cor”, algo que sempre emprego nas miñas aulas para explicar a idea de cosmovisión e que define moi ben un intenso traballo de máis de 10 anos dunhas exalumnas de Arte Dramática que deciden ser iso que tanto se valora en sectores de mentalidade eminentemente competitiva: o emprendemento, pero ao seu xeito. Elas foron emprendedoras recolectoras e resignificadoras, sobre todo, da moi revolucionaria idea do sustentable, do inspirador (sempre atentas e dispostas ao encontro e á axuda de novas mulleres creadoras), do acubillo, pero sobre todo do humor. Quérennos tristes e derrotadas. Quérennos amargadas e amargados, enfadadas e enfadados. Non faltarán razóns, cos moitos Aparicios que nos rodean, semellantes a ese que se retrata na obra As que limpan, pero ata deses dramas pode emanar un humor insurrecto. Recolledoras e transmisoras dun humor popular, con consciencia de clase, feminista, non dogmático, ético.
Comeza un novo ano e máis ca pensar na novidade, no que virá, a min apetéceme pensar no que foi, nesta memoria recente do noso teatro, no legado que nos deixa A Panadaría, pero tamén na análise profunda da recepción do seu traballo, dende Pan!Pan! ata As que limpan. Que recoñecementos e que dificultades, que apoios e que ameazas, que é o que supón pechar algo cando está nun momento álxido e se presenta coma un valor que semella irrenunciable. Pouco tempo lle prestamos a todo isto na ansiedade da continuidade, do novo, do banal.
Areta Bolado, Ailén Kendelman e Noelia Castro son tres actrices extraordinarias que terán, sen dúbida, un futuro excepcional, pero elas tres tamén nos deixan un valioso capital simbólico que debemos saber ler e que nos debe obrigar a non precipitarnos cara o novo sen soster, sen recompoñer, sen situar, sen proxectar. O seu proxecto empresarial tamén quixo soster un traballo digno e saudable nun sistema cultural precarizado, un discurso claro a base de recompor un humor libre de trazas de machismo e de pensamento colonizador, situado nun contexto e proxectado cara o seu legado anterior pero tamén cara o porvir. En definitiva, a existencia deste espazo seguro para tantas persoas que se reuniron nesta chamada, este lugar de recoñecemento do oculto ou do silenciado, este cuarto morno de música e parodia para asuntos serios que funcionou entre 2013 e 2025 é, sen dúbida, algo máis ca un capítulo ou número máis na liña do tempo da nosa cultura. A cualidade dos actos, o seu contido ideolóxico, cada vez máis incómodo, maquillado ou manipulado polos actuais relatos oficiais, deben contar con todo o noso esforzo, empeño e capacidade para que cobren vida dende a memoria máis afastada, pero tamén dende a máis recente. Un traballo en comunidade fronte ó relato único, como quixo tamén este forno social e holístico, queer e sen aditivos chamado A Panadaría.
O día 22 de novembro de 2025 asistín por cuarta vez á representación d’As que limpan no teatro de Tui. A derradeira. A do peche. Puiden conter o alento cando ao comezo, a directora, Gena Baamonde, fixo lectura do emotivo “Obituario de morte e alegría”. Recordounos o poder do rito, do encontro, a excepcionalidade do teatro. A súa fraxilidade e fortaleza. Rematou a función e non puiden conter as bágoas. Paleta de moitas emocións, como dixo Gena no seu atinado e fermoso texto, sentín o (h)amor, o vínculo e a dedicación, o apoio mutuo, a admiración e as diversas formas da amizade a se transformar no tempo. O noso traballo na cultura exponnos, aínda que poñamos máscaras, pero a creación ten esa xenerosidade da entrega, de acto de amor cara a humanidade, que se esparexe por cada greta e por cada buraco. Penso que o máis longo aplauso que escoitei despois tiña todas estas notas e matices: agradecemento, pertenza, confianza, benestar, cercanía, afouteza, disidencia, honestidade. E algunha máis. Que recordaremos, porque o teatro non é efémero.
- Carta de (h)amor á Panadaría - 25/01/2026
- Artes vivas e pobos vivos: 20 anos do Premio Abrente - 27/07/2025
- Aula Chévere - 17/11/2024


