Esta fin de semana Teatro Permanente estrea ÜBERSCHACH 1937, un espectáculo escrito e dirixido por Alberte Alonso a partir de “Concerto para cámara: apertura”, unha obra plástica orixinal do artista moañés Diego Seixo que pode percorrerse ao inicio da función. ÜBERSCHACH 1937 está interpretado pola actriz Sonia Salgado, tamén protagonista das últimas edicións do espectáculo A defensa da Vila, María Soliña, de Teatro de Ningures. Son tres as funcións programadas na sala de Teatro Permanente, en Vigo (no número 7 da rúa Abeleira Menéndez), para as que se esgotaron as entradas.
Teatro Permanente é un proxecto interdisciplinar dedicado á creación artística, principalmente no eido das artes escénicas: montaxe de espectáculos, conferencias, grupos de debate e de acción social, intervencións educativas, formación específica e actividades relacionadas coa literatura, entre outras.
Diego Seixo comparte o seguinte arredor desta colaboración: “Un está máis ou menos afeito, e sempre agradecido, a que o conviden a participar no desenvolvemento da imaxe a partir dunha proposta escénica. Ao que estou menos acostumado é a que se me propoña inverter esta orde, partir dunha das miñas imaxes para crear un espectáculo, e tal foi a proposta de Alberte. Como non, estou ilusionado, expectante e agradecido ao equipo de Teatro Permanente: Alberte Alonso, Lisa Vitorino e Sonia Salgado, por esta colaboración”.
“Todo isto comezou por casualidade. Pero as casualidades non existen, só é unha falta de perspectiva que non nos permite ver certas conexións entre as cousas. E logo, cando as conexións se revelan, todo semella evidente”, expresa Alberte Alonso arredor do proxecto.
Sinopse
“ÜBERSCHACH 1937 é un relato documental que percorre unha serie de historias cruzadas arredor do ano 1937, e máis concretamente, sobre a vida de dous xogadores de xadrez. O noso camiño parte dunha pintura de Paul Klee, dese mesmo ano, para levarnos cara a apertura do campo de concentración de Buchenwald ou a exposición de Arte Dexenerada, inaugurada polos nazis en xullo de 1937. Recuperamos unha serie de feitos relevantes que, a pesares da distancia, merecen ser considerados como actuais, e que talvez sexan menos coñecidos dentro da historia do nazismo. Todos os os esforzos son poucos para evitar condenarnos a repetir a historia”.
Somos a erregueté | Revista Galega de Teatro.
A única publicación periódica que ten como obxecto as artes escénicas galegas dende 1983.
Latest posts by Redacción
(see all)