in

A 13ª edición de Galicia Escena Pro ten aberta a súa convocatoria de inscrición

As compañías poden presentar os seus espectáculos para formar parte do programa

É difícil fotografar o baleiro foto de Rocío Cibes
'É difícil fotografar o baleiro', do Colectivo D'Elas. Foto de Rocío Cibes, sacada en Galicia Escena Pro en 2024.

O encontro profesional organizado pola Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude e a asociación empresarial Escena Galega, Galicia Escena PRO, vén de abrir convocatoria para que as compañías profesionais galegas do sector escénico presenten os seus espectáculos para formar parte do programa da súa 13ª edición. O evento desenvolverase en distintos escenarios de Santiago de Compostela entre os vindeiros 25 e 28 de maio.

O obxectivo principal desta cita, á que cada ano acoden arredor dun cento de axentes do sector, é “dinamizar a contratación das producións das compañías galegas” tanto dentro como fóra da comunidade autónoma, “así como  impulsar a súa proxección social”. Tamén busca funcionar “como espazo para o debate, a reflexión e o encontro profesional arredor das diferentes disciplinas e procesos que conforman este ámbito”.

 Ata o 27 de febreiro ás 15.00 horas permanecerá aberto a través de galiciaescenapro.gal o prazo de inscrición de propostas galegas de teatro, danza, circo e maxia de cara á configuración da carteleira de exhibición, que se amosará diante de responsables de programación de festivais, feiras, circuítos e espazos culturais de toda Galicia e do resto da península ibérica, ademais de se compartir tamén co público xeral.

Dúas modalidades de participación

Unha comisión de persoas expertas será a encargada de elixir os títulos que se amosarán tanto no seu formato de espectáculo completo como mediante presentacións de non máis de seis minutos de duración (tipo pitching). No primeiro dos casos, poderán rexistrarse tanto espectáculos con estrea entre o 28 de febreiro de 2025 e o 25 de maio de 2026 como os que se estreen durante Galicia Escena PRO 2026, mentres que ás presentacións curtas poderán optar proxectos aínda en desenvolvemento.

Como en anos anteriores, os espectáculos galegos configurarán o núcleo central desta 13ª edición do mercado, na que tamén se poderán ver montaxes procedentes doutros puntos de España en virtude do intercambio con mostras e feiras doutras comunidades autónomas.

O Salón Teatro, Teatro Principal, Auditorio Abanca e Centro Galego de Arte Contemporánea prestarán os seus escenarios a Galicia Escena PRO 2026, en tanto que o Museo das Peregrinacións e de Santiago será o epicentro da actividade profesional, onde se desenvolverñan as reunións de traballo, os pitchings e mais as mesas-coloquio.

Redacción

Redacción

Redacción

Somos a erregueté | Revista Galega de Teatro.
A única publicación periódica que ten como obxecto as artes escénicas galegas dende 1983.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Memorias dun neno labrego

Memorias dun neno labrego