Unha nova programación no barrio de Churruca dará comezo mañá, sábado 7 de marzo, á nova temporada deste ano 2026 do Teatro Gorrilla. A nova edición do proxecto, autoxestionado e organizado por Sergio Llauguer, Laura Merchán e Eva Comesaña, contará con cinco propostas escénicas en cinco bares, que se transformarán en escenarios para acoller as artistas.
Comezará ás 18h no Tinta Negra (rúa dos Irmandiños, 2); continuará ás 19h no Candela Cantina (rúa Martín Códax, 12); para logo pasar ás 20h ao The City (Rúa Irmandiños, 17); trasladarse ás 21h á Casa de Arriba (rúa Martín Códax, 23) e rematará á 22h no Arco da Vella, (rúa Churruca, 2).
A programación
- HOME Além disso. É unha proposta performativa de Alberte Bello “que xorde da necesidade de poñer no centro a posibilidade de cuestionar a masculinidade hexemónica, dende o íntimo e o biográfico. HOME Além Disso fala “da construción da masculinidade, e de como o propio artista quere cuestionar as suposicións culturais e sociais que se lle atribúen á mesma e que significa ser un home”.
- O que xermola no lume. Peza de teatro contemporáneo en proceso de A Tríptica Teatro que aborda os incendios forestais en Galicia “como ferida colectiva e como metáfora dun sistema que arrasa co territorio, coa memoria e cos corpos”. A través do movemento, da música, da luz e da palabra, a obra “constrúe unha viaxe emocional que transita da destrución ao renacer, da soidade á forza da comunidade”. É unha proposta poética que quere convidar o público “a pensar, sentir e imaxinar outros futuros posibles”.
- Cortar, refogar, afogar. Peza de poesía en acción de Silvia Penas que tratará de “achegar unha reflexión arredor do corpo feminino como espazo de conflito. En concreto, avanza a artista, que o fará “centrándose no cabelo, que serviu de campo de batalla, elemento simbólico de exterminio e submisión, pero onde tamén se enguedellan mensaxes subversivas e de liberdade”. Explica que as rapadas do franquismo e outros réximes totalitarios, as cabeleiras arrincadas por desesperación das mulleres gazatís, as trenzas das escravas que delineaban rutas de fuga, ou as recentes protestas en Irán que levantaron unha onda de sororidade a escala mundial “son algúns exemplos de como as cabeleiras femininas foron e continúan a ser branco, escusa, vértice de conflitos e acontecementos históricos”, e que “aproximadamente 70 micróns de diámetro serven para soster o peso mesto da humanidade”.
- Meu fogar. Trátase dunha peza de Dany Barros que explora “a identidade e a busca de fogar nun mesmo, a través do corpo e a respiración; o corpo como a porta cara ao ser, o sustento, a terra; e a música coma a invitación a sentir mediante a respiración, para que a enerxía poda ter espazo e se manifeste nas diferentes expresións”.No referente ao corporal, investiga coa técnica waving e popping, facendo referencia “á auga, ao dereito a sentir, ás emocións e sensacións a través do impulso e a entrega das olas; e do lume, expresando a capacidade de creación e destrución, dando espazo ao novo”. Con iso procura “manifestar o anhelo de liberdade e conexión: o aire, en relación coa lixeireza, o amor, o vínculo e a liberdade de ser une mesme, ser fogar”.
- Gracias por su visita. É unha peza de Uxía Algarra, presentada no Festival Internacional de Títeres e Obxectos, El Rinconcillo e premiada polo público do FIOT Carballo e no Festival Pezas dun Teatro do Porvir 2025. Nela, “unha camareira, mentres pecha o bar e apura os restos das copas esquecidas é sorprendida por unha interferencia divina na radio. A combinación do viño, o cheiro a lixivia, o fume que se cola por debaixo da porta e a música celestial fai que comprenda que o local non é só un bar, senón un microcosmos do universo, unha creación súa. Tomando posesión do seu poder, reinventa o espazo como un Edén”.
A organización non deu a coñecer a orde, horario e lugar de presentación de cada proposta, para favorecer que o público asista á programación completa, aínda que tamén poida facelo a cada función de xeito independente.
A entrada é inversa. Ao saír de cada función, as persoas asistentes farán unha achega monetaria, valorando por si mesmas o traballo das artistas e da organización.
- O Teatro Gorrilla inicia a súa temporada de 2026 - 06/03/2026
- Paula Quintas estrea ‘ROYAL’ - 06/03/2026
- Os XXX Premios María Casares xa teñen finalistas - 05/03/2026



