O Premi Born de Teatro celebra neste 2026 a súa quincuaxésimo primeira edición, para a que vén de abrir o prazo de admisión de obras. O certame, que está convocado polo Cercle Artístic, Sociedad Cultural de Ciutadella de Menorca, co patrocinio do Concello de Ciutadella de Menorca, o Consell Insular de Menorca e o Goberno das Illas Baleares, outorgará catorce mil euros á obra gañadora, que será tamén editada nas catro linguas oficiais do Estado español. A edición en galego será publicada pola erregueté | Revista Galega de Teatro.
Poderá participar calquera persoa, agás as autoras e autores que gañasen algunha das tres últimas edicións, cunha única obra inédita, de temática libre, e o prazo de admisión de orixinais permanecerá aberto ata o vindeiro 1 de xuño.
As secretarias do Premi Born poranse en contacto a través de correo electrónico unicamente coa persoa gañadora de xeito previo á entrega do premio, que terá lugar na tradicional gala que alberga cada ano o Teatre des Born de Ciutadella de Menorca, e que este ano se celebrará o 24 de outubro.
Consulta e descarga aquí as bases completas do Premi Born 2026.
XII Residencia de Creación Teatral
Ademais, o Cercle Artístic vén de convocar tamén a XII Residencia de Creación Teatral, que se desenvolverá entre o 7 e o 21 de outubro deste ano, no marco da celebración do LI Premi Born de Teatre, e a presentación de proxectos está aberta a compañías que queiran desenvolver nela as súas montaxes ou proxectos colectivos.
O prazo de recepción de propostas rematará tamén o vindeiro 1 de xuño e o proxecto gañador darase a coñecer o 1 de xullo.
Consulta e descarga aquí as bases completas da XII Residencia de Creación Teatral.
‘A soidade dos corpos celestes’
Este ano 2026 a erregueté | Revista Galega de Teatro editará a tradución ao galego d‘A soidade dos corpos celestes, de Ferran Joanmiquel Pla, a peza que gañou en 2025 o Premi Born, e que se poderá conseguir dentro da subscrición á revista.

- O Cercle Artístic convoca o Premi Born de Teatro 2026 - 09/03/2026
- O Teatro Gorrilla inicia a súa temporada de 2026 - 06/03/2026
- Paula Quintas estrea ‘ROYAL’ - 06/03/2026


