in , ,

A MITCFC dá a coñecer as datas e o cartel da súa 43ª edición

Desenvolverase en Cangas entre o 21 de xuño e o 5 xullo

Yaiza Santomé coa organización da MITCFC, a concelleira de Cultura de Cangas e Juanjo Pérez, director do Auditorio Municipal de Cangas.
Yaiza Santomé coa organización da Mostra, a concelleira de Cultura de Cangas e Juanjo Pérez, director do Auditorio Municipal de Cangas. Foto de Diego Seixo.

A Mostra Internacional de Teatro Cómico e Festivo de Cangas celebrará a súa 43ª edición ao longo de quince días, entre o 21 de xuño e o 5 de xullo. Así o deu a coñecer onte a organización do festival, nun acto no que se presentou o cartel desta edición, asinado pola artista moañesa Yaiza Santomé, creadora, xunto con Carlos Villar, da marca Afouta, unha empresa de deseño inspirada na cultura galega.

A directora artística da MITCFC, María Armesto, lembrou como, desde o comezo, a Mostra encarga os carteis a artistas diferentes “para axudar a dar a coñecer o gran talento que hai no eido das artes plásticas en Galicia”.

O cartel deste ano é unha obra colorida e mariñeira na que o azul é a cor predominante. Unha figura feminina é a protagonista da creatividade. Yaiza Santomé explicou na presentación que esta muller “está saíndo á superficie e semella que atopa refuxio no escenario”, nunha metáfora do papel do teatro como símbolo de esperanza.

No acto de presentación tamén estivo a concelleira de Cultura de Cangas, Xiana Abal, quen destacou “o compromiso da Mostra coa cultura e a paridade e o feito de que o festival siga medrando ano tras ano, converténdose nunha cita inescusable do verán galego”.

A organización adiantou que presentará a programación completa desta 43 edición o vindeiro mes de abril.

Yaiza Santomé co cartel da 43ª edición da MITCFC
Yaiza Santomé co cartel da 43ª edición da Mostra. Foto: Diego Seixo.

 

Redacción

Redacción

Redacción

Somos a erregueté | Revista Galega de Teatro.
A única publicación periódica que ten como obxecto as artes escénicas galegas dende 1983.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Elena Santiago e Afonso Becerra co libro da erregueté de 'O silencio'.

O Cercle Artístic convoca o Premi Born de Teatro 2026